T. Sumathy, autora e activista, visita Galicia da man de Implicadas

Onte martes, a autora e activista támil Thamizhachi chegou a Galicia. Thamizhachi, ademais de ser unha das voces máis prestixiosas da escrita poética en lingua támil, é unha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres.
“Dende Implicadas no Desenvolvemento animámosvos a participar con nós das actividades que realizaremos con ela os vindeiros días, entre as cales hai encontros, charlas, obradoiros e incluso unha cea”, propón Yolanda Castaño.

 

Dende hoxe, día 7 ao 14 de abril se desenvolve a visita a Galicia de T. Sumathy, coñecida no mundo literario como Thamizhachi Thangapandian. Esta autora e activista ten colaborado con Implicadas nos programas de cooperación ao desenvolvemento en Támil Nadu, e a súa visita a Galicia é unha das actividades que realizamos dende a ONGD no marco do proxecto REACTIV_ARTE.

Hai programadas actividades en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.

T. Sumathy coñecida no mundo literario como Thamizhachi Thangapandian é licenciada en filoloxía inglesa con especialidade en literatura inglesa polo Thiagarajar Arts College de Madurai, en Támil Nadu (India). Entre o 1996 e o 2008 traballou como docente no Queen Mary’s College de Chennai. Como investigadora recibiu unha bolsa do AIC (Australia India Council) en 2004 e doutorouse pola University of Madras en 2010.
Ademais de ser unha poeta de gran recoñecemento en lingua támil, as súas áreas de interese inclúen as literaturas poscoloniais (en particular de Sri Lanka e de Australia); literaturas da diáspora (en particular da diáspora támil de Sri Lanka), a tradución, crítica e as artes escénicas (o teatro támil).
Ata o momento publicou 12 obras en támil e unha en inglés.

 

En támil:
Enjottu Penn (2004), Uravukal – Espo (2004), Vanapechi (2007), Pecharavam Ketilaiyo (2009), Manjanathi (2009), Naveenathuvavaathi Kamban (2010), Katru Konarntha Kadithangal (2010), Kalamum Kavithayum (2010), Soll Thodum Thoram (2010), Pampadam(2010), Aruhan (2011), Mayileragu Manasu (2012), Manvasanai (2013).

En inglés:
Island to Island : The voice of Sri Lankan Australian Playwright : Ernest Thalayasingham Macintyre (2013).

Neste momento dedícase en exclusiva á escrita e á interpretación.

Website: www.thamizhachithangapandian.com

visita_Thamizhachi_900

O sexto dedo de Aljanabi

Co violento rinchar de
cabalos senís, o Tempo
bateu nas portas
do teu Bagdad o pasado marzo

O poder dos réximes
e da arrogancia masculina
empalados
na túa prepubescencia

O doce compartido aínda
na boca da túa
irmá de seis anos
cando te viu caer
O teu corpo reducido
a un sexto dedo non desexado

Público mudo
ante a rapina da terra e das fillas
foron a túa mai vestida de burqa
e a punta de pistola o teu pai.
Cos seus cabalos senís
alasando sen alento
e ventando o fedor
do sangue que se verque,
o tempo avanzou

Un movemento de plumas de pomba
ou un poema nada máis
testemuñas
do que aconteceu.
_______
* Aljanabi tiña 14 anos cando cinco soldados estadounidenses a violaron en grupo.
 

Cuncha

Entre ti e mais eu, querida,
nada máis o mar.
Das túas bágoas astrinxentes
só unha chegou ás miñas costas
coma un farrapo de escuma.

Este leite de luar, xeado,
dos peitos de túa mai.
As ondas, os bicos do teu pai
mentres te arrolaba,
o corricar dos caranguexos
os teus compañeiros de xogos.

A cuncha baleira dunha ameixa
recordo da túa man
impresa
co arame de espiños
do valado.

Gárdoa ben
para o “día do xuízo final”
cando estea de pé nunha longa cola,
choutando dun pé a outro,
tentado con iso rectificar
calquera déficit
no peso da culpa.

 

 

Tardes nunha cidade

As tardes nunha cidade
non son
malfadadas de todo:
pensando
en bólas de ragi
en acedo soro de leite
en canadas de bronce
en pólas de mangueira.

 

 

Na casa da familia política

Os soños de
cociñar
no lume do gas
van e veñen
cada
día de verán
amasando
bosta.

 

 

Árbore neem que florece

O verán
en que florece a árbore neem
nunca é amargo
pola tarde comemos
as larpeiradas
mercadas con cartos
tirados de estrullar a súa froita
e de secar as súas sementes.

 

 

Nun auditorio escurecido

Nun auditorio escurecido
tras os ensaios
senta a soidade:
desprovista de maquillaxe,
a súa fealdade engaiola.

 

 

A noite polo cheiro a traizón

As lagartixas na parede semellan coñecer
a noite polo cheiro a traizón e
o día pola maquillaxe artificial.
Mesmo onte á noite
entendían o misterio teórico do solpor
polo ruído baleiro
da lata metálica dun esmolante.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada