Fairway, primeiro fórum sobre o Camiño de Santiago

A organización busca crear un punto de encontro entre empresas especializadas na Ruta Xacobea, asociacións colaboradoras, institucións vinculadas e peregrinos.

A organización busca crear un punto de encontro entre empresas especializadas na Ruta Xacobea, asociacións colaboradoras, institucións vinculadas e peregrinos.

Fairway, o primeiro fórum con feira e congreso sobre o Camiño de Santiago, xa se prepara para a súa primeira edición en Compostela, que será na Cidade da Cultura do 15 ao 18 de outubro de 2015.
Este novo evento busca crear un punto de encontro para profesionais e afeccionados ás diferentes Rutas Xacobeas que permita compartiren vivencias, dar a coñecer negocios vinculados ao Camiño e ofrecer ferramentas para mellorar e detectar necesidades relacionadas con esta experiencia.
Tamén busca ser unha cita comercial imprescindible para todas as institucións, axencias, centrais de reservas, webs e empresarios de servizos que enfocan a súa actividade cara esta antiga ‘rúa maior de Europa’. Na programación desta xuntanza tamén terán cabida a gastronomía, cultura, arte e demais disciplinas que se interrelacionan coa tradición da peregrinación.
Fairway vai ser un evento con dúas partes moi diferenciadas. Por un lado celebrarase a feira, onde concentraranse a actividade comercial arredor do Camiño de Santiago, e polo outro o congreso, que pretende acadar unha reflexión colectiva sobre o estado das rutas e os problemas e necesidades que derivan da súa promoción e conservación.
Fairway Market: workshop e máis espazo expositivo
Un dos obxectivos de Fairway é poñer a disposición de todas as empresas de servizos, touroperadores, axencias e emprendedores cuxa actividade estea vinculada ao Camiño un punto de encontro onde realizaren networking e negocios. Ademais do espazo expositivo, programaranse citas concertadas en workshops para que os asistentes teñan garantido poder desenvolver unha actividade comercial eficiente e de alcance nacional e internacional. Por este motivo a organización xa traballa en traer un amplo listado de persoas influentes, “hostel buyers”, neste campo, que fomentará un intercambio de información clave para mellorar a situación turística dun dos maiores atractivos de Compostela.
Dentro tamén deste apartado do Fairway vaise incluír unha actividade denominada Pitch Show, onde os participantes poderán contar o público nun tempo máximo de 5-10 minutos, con apoio audiovisual, o seu proxecto empresarial e os seus produtos.
Fairway Fórum: o congreso
Os promotores do evento definen este espazo do I Fórum do Camiño de Santiago como un punto de encontro para a reflexión, a análise, a formación e o debate aberto, onde todo o mundo ten cabida. A programación dividirase en 4 paneis:
O Camiño emocional “O Camiño do Despois”, panel onde personaxes representativos e persoas que viviron experiencias intensas cando eran peregrinos contarán a súa experiencia inspiradora en primeira persoa.
A xestión do Camiño. Conflitos e intereses. Un espazo para que todos os axentes implicados no Camiño de Santiago dialoguen sobre todos os aspectos de debate, conflito, regulacións ou competencias baixo a única perspectiva de sacaren medidas correctoras e sensibilizar da importancia da estratexia da mellora continua.
Os outros Camiños, onde analizarase a posta en valor doutras rutas internacionais que xurdiron trala promoción do Camiño de Santiago como Kumano Kodo en Xapón, a Vía Francíxena ou o Camiño de San Olaf en Noruega.
Formación para empresas e destinos do Camiño, onde se impartirán diferentes obradoiros enfocados a axudar a mellorar a estratexia de marketing, atención ao cliente e comercialización dos negocios vinculados ás Rutas Xacobeas.
As conclusións dos diferentes paneis hanse trasladar ao público xeral e entregaranse ás institucións e organismos que conten con algún tipo de competencia sobre o Camiño de Santiago para colaborar no progreso e potenciación da ruta.
Fairway: Unha aposta local
O Fairway nace da iniciativa privada de tres empresas que levan máis de 20 anos observando a evolución do fenómeno xacobeo. Froito da súa experiencia na organización de eventos, a tourperación da viaxe especializada do Camiño de Santiago e a xestión da mercadotecnia turística de destino.
Os promotores do evento son a maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación. A feira realizarase baixo o patrocinio institucional da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a colaboración especial da Fundación Cidade da Cultura de Santiago e o Cabido da Catedral de Santiago. A organización manifestou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo a feira tamén entre o sector privado, tras visitar feiras como Fitur en Madrid e Intur en Valladolid.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada