Galicia posúe 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen

augas medicinais que existen, coas que se tratan dende anemias e afeccións alérxicas ata trastornos psiquiátricos Úsanse como complemento aos tratamentos médicos, ao tempo que axudan a previr certas enfermidades como a artrose

Coas augas medicinais se tratan dende anemias e afeccións alérxicas ata trastornos psiquiátricos. Úsanse como complemento aos tratamentos médicos, ao tempo que axudan a previr certas enfermidades como a artrose.

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos, ás 18.30 h. A doutora Laura Gómez, directora médico do balneario de Mondariz, dará a coñecer os distintos tipos de augas mineiromedicinais que existen nos centros termais galegos e para que doenzas está indicada cada unha.

A doutora salienta a importancia de que os médicos de familia coñezan as características das augas dos balnearios da comunidade, co fin de poder prescribir aos seus pacientes as que mellor se adapten a cada patoloxía. Nesta liña, a doutora manifesta que “as augas mineiromedicinais son un bo complemento aos tratamentos médicos convencionais, ao tempo que axudan á prevención de certas enfermidades, sobre todo a nivel musculoesquelético, como pode ser a artrose, e á mellora de problemas respiratorios e da pel”.

 

Os balnearios galegos están especializados, na súa maioría, no tratamento de doenzas reumatolóxicas, dermatolóxicas, respiratorias e do aparato dixestivo. Así mesmo, están indicadas para abordar enfermidades cardiovasculares, renais, hepáticas, do sistema endocrino e mesmo trastornos de carácter psiquiátrico.

 

A doutora explica que existen oito tipos de augas mineiromedicinais en función do seu contido de elementos minerais, que lle outorgan certas propiedades con determinados efectos terapéuticos. Así, as bicarbotanadas son antiacedas, beneficiosas para os sistemas dixestivo, intestinal, hepático e renal. As augas cloruradas son antiinflamatorias, analxésicas, aceleran a cicatrización e, administradas en bebida, presentan importantes efectos dixestivos.

 

As sulfuradas úsanse para tratar problemas respiratorios e afeccións alérxicas; destaca a súa acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante. As carbogaseosas exercen un efecto sedante e analxésico, ao tempo que estimulan a motilidade intestinal. As augas ferruxinosas favorecen a rexeneración de glóbulos vermellos, polo que se empregan para combater determinadas anemias. As radiactivas resultan moi beneficiosas para o tratamento de contracturas musculares e de certos trastornos psiquiátricos. Pola súa parte, as oligometálicas son diuréticas, de interese para tratar afeccións renais.

 

Por último, as únicas augas que non están representadas nos balnearios galegos son as sulfatadas, que actúan sobre o aparato dixestivo e están indicadas para combater afeccións hepáticas, cunha notable acción laxante e diurética.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada