A celebración de tres feiras internacionais marcou o calendario de Expourense en 2014

foto 1

O recinto acolleu no 2014 dez feiras e unha vintena de eventos que atraeron a máis de 128.000 visitantes e a 855 expositores de 30 países.

Termatalia Arxentina, Xantar e Funergal. A celebración destas tres feiras internacionais, marcou a actividade de Expourense durante o 2014, posicionando ó recinto feiral ourensán entre os principais organizadores de eventos internacionais en España. Grazas á cooperación público-privada, patente na composición do Padroado da Fundación, Expourense consolídase como unha plataforma que contribúe, a través da celebración de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e facilitar a creación de oportunidades de negocio internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a industria funeraria.

 

Sobre estes puntos xirou a presentación da Memoria de Actividades 2014 de Expourense que tivo lugar esta mañá no recinto durante a celebración dun acto no que estiveron presentes un cento de representantes institucionais, empresariais e sociais que colaboran habitualmente coa Fundación. Durante esta intervención, o presidente do Comité Executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, indicou que “a actividade realizada por Expourense contribúe a aumentar a nosa competitividade, impulsa o emprendemento e converte a este espazo no que nos atopamos nunha valiosa plataforma de dinamización da economía galega”.


 

- 10 feiras organizadas por Expourense, 3 delas co Selo de Intenacionalidade

– 1 salón promovido por organizadores externos

– 855 expositores

– 264 días de ocupación

– Apoio a autónomos e emprendedores: 50 microempresas participaron nestas citas

– 128.885 visitantes

– 350 relatores nacionais e internacionais nas xornadas técnicas que foron seguidas por máis de 10.000 asistentes


 

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, coincidiu en en destacar o papel de internacionalización que xoga este recinto xa que destacou que “do traballo realizado por Expourense beneficiámonos todos, tanto o tecido empresarial galego como o conxunto da sociedade xa que abre novas oportunidades de negocio para empresas e emprendedores, sirve de ponte cara novos mercados e clientes, e impulsa a calidade e a capacidade innovadora das empresas”.

 

A presentación dos resultados de Expourense do 2014 correu a cargo do direstor xerente, Alejandro Rubín, quen destacou a singulariedade das citas organizadas por este recinto. E é que Xantar é o único salón internacional de España especializado en turismo gastronómico; Funergal foi a única cita internacional da Península en 2014 e Termatalia, celebrada na Arxentina, é a única cita convertida en ponte termal entre Europa e América Latina sendo ademais unha feira de referencia mundial do turismo de saúde. Ademais da Internacionalización, os outros eixos sobre os que se baseou a actividade de Expourense no 2014 foron a Calidade, Innovación, Emprendemento e Formación.

 

O principal fito da actividade de Expourense en 2014 no relativo á internacionalización foi a celebración de Termatalia en Termas de Río Hondo, A Arxentina, entre o 1 e o 4 de outubro. Foi a segunda edición celebrada en América Latina logo de Termatalia Perú 2012, un evento que converteu a Expourense na primeira institución feiral española que organizaba un evento propio no estranxeiro, que tivo continuidade o ano pasado na Arxentina e que seguirá en 2016 coa celebración desta feira en México. Termatalia Arxentina consolidouse como un espazo de capacitación e formación que os profesionais aproveitaron para ampliar os seus coñecementos e especialización no referente ao turismo de saúde.

foto 2
Destaca tamén da actividade de 2014 a recuperación como feira de organización propia, en colaboración coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), do Salón do Automóbil que celebrou a súa sexta edición dividida en dúas citas, Vehículo Novo e de Ocasión. A boa acollida por parte dos empresarios e do público, levou a inclusión deste salón no calendario de citas anuais de Expourense.
Resumo da actividade no 2014
O resumo de actividades organizadas pola Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, durante o 2014 sinala que o recinto organizou o pasado ano un total de 10 feiras, boa parte delas de marcado carácter profesional e orientadas ó negocio. Coa celebración de tres feiras internacionais de organización propia, Expourense sitúase á cabeza dos recintos feirais de Galicia. Todos os certames contaron coa presenza de 855 expositores, unha cifra que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense. A decena de feiras e a vintena de eventos do calendario da Fundación atraeron a 128.885 visitas, a 855 expositores e a 350 relatores procedentes todos eles dun total de 30 países.

 

Certames Profesionais
Expourense celebrou en 2014 unha cita exclusivamente profesional, Funergal, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que foi o único punto de encontro profesional da Península do ano pasado. Contou coa participación de empresas de 9 países e reuniu aos catro grandes grupos funerarios de España.

 

Ademais de Termatalia Arxentina, tiveron lugar tres feiras de carácter mixto: Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, que se ten convertido nun produto turístico en si mesmo, ademais dunha plataforma para o sector primario galego a través da hostalería de calidade; Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral e Galisenior, Salón das Persoas Maiores, recoñecido como internacional a efectos aduaneiros.
Público xeral
Ademais dos certames profesionais xa mencionados, Expourense organizou en 2014 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións profesionais como é o caso dos centros comerciais abertos. Estas citas foron: a 21ª edición da Mostra da Oportunidade; a 6ª do Salón do Automóbil, a 15ª de Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; e a 15ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude.
Apoio ó Emprendemento
Durante o 2014, Expourense presentou de novo alternativas de apoio aos empresarios. Por este motivo, puxo en marcha distintos convenios de colaboración con entidades como ABANCA para fomentar a participación en feiras de autónomos, microempresas e emprendedores. Un total de 50 microempresas e autónomos galegos puidéronse beneficiar de taxas bonificadas e participado en feiras que lles permitiron contactar con novos clientes, e deste xeito fomentar o crecemento da súa empresa. Ademais, máis de 80 asociacións empresariais participaron activamente nos proxectos de Expourense durante o pasado ano.

 

Posta en valor da innovación e a calidade
A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados no sector económico que corresponda (termalismo, gastronomía, comercio, etc.) converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento dos empresarios, traballadores e futuros profesionais.

 

Deste xeito, Expourense creou no 2014 os “Premios Xantar Internacional” que recoñeceron a aquelas entidades e empresas que fixeron unha firme aposta por este salón presentando produtos novidosos ou desenvolvendo múltiples accións promocionais. Na mesma liña, foron entregados durante Funergal os “Premios Internacionais 2014.

 	O recinto acolleu no 2014 dez feiras e unha vintena de eventos que atraeron a máis de 128.000 visitantes e a 855 expositores de 30 países.

Durante o pasado ano tamén se celebrou a segunda edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia, enmarcados dentro do Foro da Comunicación e que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación. Celebrouse ademais a 4ª edición dos Premios Líderes en Calidade, outorgados a catro empresas galegas que destacaron como base da súa actividade a capacidade de adaptación ó novo contexto empresarial xurdido da coxuntura económica actual.

 

Ademais, a innovación estivo presente de xeito transversal no calendario feiral con actividades como a 9ª Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética na que participaron os gurús mundiais e na que deron as claves para conseguir cumprir a normativa europea que determina que no ano 2020 os edificios deberán autoabastecerse enerxéticamente chegando case ó consumo cero de enerxía (Nearly Zero Energy Buildings, NZEB).

 

A aposta pola innovación quedou reflectida ademais en actividades como o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que celebrou a súa 14ª edición, e que ten o obxectivo de vencellar a investigación realizada na Universidade co tecido empresarial galego.
Promoción internacional de Galicia
No referente á actividade feiral de Expourense é preciso apuntar a promoción que dos distintos salóns, e dos sectores vencellados a eles, se realizou durante todo o ano nunha vintena de exposicións que tiveron lugar noutros puntos de Galicia, España, Euroasia e América Latina. Ademais, a través do stand da Axencia Galega de Turismo, Xantar e Termatalia estiveron presentes nas principais feiras internacionais vencelladas ó turismo (FITUR Madrid, Les Thermalies París, ITB Berlín, etc.) e nos foros profesionais máis importantes dos correspondentes sectores, proxectando polo tanto a “marca Galicia”.

 

Deste xeito, Termatalia Arxentina foi presentada, no Congreso Anual da Asociación Europea de Balnearios (ESPA) celebrado en Dinamarca, no Congreso da Asociación Latinoamericana de Spa en México, no Congreso da Asociación de Industrias de Aguas Minerais de Brasil, no Encontro de Cooperación Empresarial e Institucional en Costa Rica, no 1º Simposio Internacional de Termalismo de Colombia, no Seminario de Termalismo da APTAE celebrado na capital de Perú, entre outros moitos.

 

Pola súa parte, Funergal e o tecido empresarial galego especializado neste sector, foron promocionados nas principais feiras internacionais do sector funerario como foi o caso de Tanexpo en Bolonia (Italia) ou Expofuneraria de México. Outras citas como Xantar contribuíron a reforzar as relacións de cooperación transfronteiriza con entidades do Norte de Portugal a través da presenza en eventos como os organizados por Ponte de Lima ou nas distintas campañas turísticas da Entidade de Turismo Porto e Norte.

 

Para realizar este labor á internacionalización, Expourense conta na actualidade cunha rede integrada por 19 delegacións que operan en 24 países de catro continentes e a través das cales está presente nas principais feiras e congresos profesionais do mundo, principalmente dos vencellados ó sector termal.

 

Formación
No 2014, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 350 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 10.000 asistentes. De xeito transversal a todos os certames, impartíronse conferencias de formación en prevención de riscos ou saúde laboral nos distintos sectores.
Eventos
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a celebración dunha vintena de eventos de organización allea. Entre os que contaron con maior seguemento por parte do público, destacaron a I Feira de Antigüidades de Ourense, o 19º Derrame Rock, os concertos de Nancy Rubias e Fangoria ou o 47º Rallye de Ourense. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas e soporte de Expourense para organizar os seus eventos.
Expourense forma parte do Padroado do Parque Infantil de Tráfico que organiza o Circuíto de Educación Viaria, polo que pasaron milleiros de escolares. Na área deportiva, ademais de Megaxove, a Fundación promove actividades como o Festival Internacional de Xadrez “Cidade de Ourense” que conta coa participación de 300 xogadores, e representa un dos principais patrocinadores do Rallye de Ourense que atrae a milleiros de visitantes.
Labor Social
Expourense ten ademais como obxectivos a promoción de actividades e accións sociais e educativas, que se reflicten na colaboración con asociacións e organizacións que traballan a prol da sociedade, dende os máis diversos ámbitos. Expourense colabora activamente con entidades como o Banco de Alimentos de Ourense, a Fundación Amigos de Galicia, Alcer, Asociación Diabética Auria, etc.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada