O consello da Xunta autoriza a licitación das obras dos sistemas xerais da plaforma loxística de Salvaterra-As Neves, a Plisan, por máis de 13,5 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación das obras dos sistemas xerais da plataforma loxística de Salvaterra- As Neves, a PLISAN, por importe de máis de 13,5 millóns de euros. A licitación da obra publicarase no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana, abríndose un prazo de cincuenta e dous días para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.

 

A decisión do Consello da Xunta fará posible iniciar este mesmo ano as obras dos sistemas xerais, que comprenden a construción da vía principal, da iluminación e das conducións necesarias para o abastecemento, saneamento, telecomunicacións e subministración de gas para dar servizo ás empresas que se instalen na s parcelas desta primeira fase, composta por unha superficie de 70 hectáreas.

 

Paralelamente, estase a avanzar no trámite ambienta l que permitirá licitar as obras de construción da depuradora de augas residuais e da estación de tratamento de auga potable, para garantir o necesario sistema de abastecemento e saneamento ás empresas que desenvolvan a súa actividade na PLISAN.

 

En total, ambas as actuacións representan un investimento de máis de 20 millóns de euros que farán posible a instalación das primeiras empresas nesta plataforma loxística a finais de 2016.

 

O desbloqueo do proxecto da plataforma loxística de Salvaterra- As Neves é posible grazas á reposición do réxime de condominio entre as tres entidades promotoras, a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo, que formalizaron o convenio no pasado mes de marzo.

 

Será o Instituto Galego de Vivenda e Solo quen lici te a execución das obras en cumprimento do disposto no acordo adoptado no pasado oito de abril, pola comisión de seguimento da PLISAN, na cal están integrados os tr es organismos que interveñen no proxecto.

 

A licitación aprobada hoxe ten un orzamento de 13.537.759,58 euros, IVE incluído, e establece un prazo de execución das obras de dezaoito meses. O acordo da comisión de seguimento establece que a Autoridade Portuaria de Vigo será a entidade encargada dos traballos facultativos de implantación, dirección,inspección e liquidación da obra, así como da vixilancia e coordinación de seguridade e saúde desta. O financiamento das obras licitadas corresponderá aos tres organismos que int erveñen no proxecto, coas seguintes porcentaxes: Autoridade Portuaria de Vigo: 60,580 %.; Consorcio da Zona Franca de Vigo: 21,125 % e Instituto Galego da Vivenda e Solo: 18,295 %.

 

Así mesmo, a recente autorización polo Ministerio de Fomento da remodelación do enlace de Puzo-Lira garante a plena conectividade da PLISAN coa autovía das Rías Baixas (A-52) a través da autovía AG-51 xa executada pola Xunta.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada