O DOG publica a convocatoria para o curso 2015/16 de 15 prazas de bolseiros nas residencias dependentes de xuventude

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns a convocatoria para o curso 2015/2016 de 15 prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís que dependen da Consellería de Traballo e Benestar. En concreto, o reparto será o seguinte: 4 prazas no centro residencial Lug, de Lugo; 5 prazas na residencia Florentino López Cuevillas, de Ourense; e 6 prazas na Altamar, de Vigo.

 

Os beneficiarios das mesmas contarán con aloxamento e mantenza gratuítos, a cambio de desenvolver labores de dinamización xuvenil. Os mozos e mozas disporán das asistencia dun titor ou titora, que coordine e dirixa as funcións que van desempeñar nos centros. Deste xeito, os participantes realizarán traballos de dinamización, incluídas actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras.

 

O prazo para solicitar praza é dun mes a partir do día seguinte á súa publicación no DOG. Ademais da inscrición, os interesados deberán presentar un proxecto de actividades que se pretenda desenvolver na residencia, así como presentarse a unha entrevista persoal. Para a adxudicación, valorarase a calidade do proxecto presentado; a renda media da unidade familiar; o rendemento académico; a condición de desempregado sen prestación económica do pai, nai ou titor legal; a condición de familia numerosa, de orfandade, discapacidade de calquera membro de unidade familiar; ter a residencia familiar en Galicia; ser muller en estado de xestación ou vítima de violencia de xénero; e outras circunstancias sociofamiliares como ter un ou unha irmá con praza renovada na residencia, ou ter a condición de familia monoparental.

 

Os destinatarios deberán ter entre 18 e 30 anos, e cursar estudos universitarios nunha facultade ou escola, estudos superiores en ensinanzas artísticas, ou ciclos formativos de grao superior que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación e práctica a través de calquera das tarefas que se poidan desenvolver na residencia xuvenil. A renda familiar non debe superar o 150 por cento do IPREM.

 

As residencias xuvenís son un instrumento ao servizo da mocidade e, en particular, dos mozos e mozas estudantes durante o curso académicas. Nelas, ofrécese aloxamento e manuntención, e actividades e convivencias educativas que fomentan valores sociais, culturais e deportivos da mocidade residente.

 

Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado de fomentar actividades xuvenís e favorecer o acceso ás ensinanzas superiores e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial ás tres residencias xuvenís.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada