A soprano estadounidense Heidi Melton canta esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

Heidi Melton, considerada como a grande intérprete actual do repertorio de Wagner.

Heidi Melton, considerada como a grande intérprete actual do repertorio de Wagner.

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O xoves a orquestra desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:30 horas. E o venres tocará en Santiago, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da orquestra, Paul Daniel.

 

As dúas actuacións comezarán coa obra Wesendonck Lieder, do compositor romántico alemán Richard Wagner (1813-1883). En 1849 Wagner estivo implicado nun levantamento en Dresde e, perseguido pola lei, fuxiu a Suíza e instalouse en Zúric. Agobiado polas débedas, acepta o mecenado do rico comerciante Otto Wesendonck, quen lle presta diñeiro a cambio das futuras ganancias das súas óperas. O mecenas estaba casado con Mathilde Luckemeyer e parece que, dende o seu primeiro encontro, Wagner e Mathilde sentiron unha grande atracción. Inspirouse nela para compoñer estas cinco cancións que reflicten o amor imposible e o desexo insatisfeito.

 

Nesta obra a orquestra acompañará á afamada soprano dramática estadounidense Heidi Melton, unha estrela emerxente da ópera. Ten sido eloxiada pola súa fermosa voz e polas súas intelixentes actuacións en óperas e recitais. Moitos críticos sinálana como a nova grande soprano do repertorio wagneriano.

 

Os concertos rematarán coa Sinfonía nº 6 do compositor austriaco Anton Bruckner (1824-1896). No ano 1865 asistiu en Munich á primeira representación de Tristán e Isolda de Wagner, o que marcou a súa vida. Descubriu a innovación harmónica, melódica e orquestral de Wagner e decidiu deixar de lado o seu interese pola música relixiosa para dedicarse á produción sinfónica. Inicialmente as súas sinfonías xeraron certa hostilidade pero persistiu no seu empeño. A súa Sexta Sinfonía é un exemplo da súa fascinante linguaxe melódica e harmónica e está considerada como a máis atrevida de todas as súas composicións sinfónicas.

 

Antes da celebración do concerto do venres en Santiago, o crítico musical Alfredo López-Vivié manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada