Publicada no DOG a convocatoria do certame Xuventude Crea con premios para 11 especialidades artísticas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convoca o certame Xuventude Crea 2015, que ten como obxectivo fundamental fomentar a creatividade xuvenil, ao tempo que permite á mocidade manifestar as súas inquedanzas artísticas e culturais.

 

Os destinatarios desta iniciativa son mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, que poderán presentar os seus traballos nalgunha das seguintes especialidades: teatro, artes plásticas (pintura e escultura), fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias. Agás no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual. Todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas.

 

Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. Ademais, seguindo a liña da edición anterior, co obxectivo de axudar á mocidade na súa inserción laboral, o xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso, o que permitirá tamén que os participantes poñan as súas creacións en contacto co mundo empresarial dun xeito directo.

 

Na especialidade de teatro, un 25% dos compoñentes do grupo pode superar os 30 anos ou ter entre os 14 e 16 anos. As obras poderán ser de autores galegos, españois ou estranxeiros, e a duración non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

 

As artes plásticas inclúen pintura e escultura. A técnica será libre, e xunto coa documentación a presentar cada participante deberá enviar tamén unha fotografía da obra.

 

No caso da música, poderán participar solistas e grupos de música contemporánea. Admitirase tamén que un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, e poderá superar a idade máxima a persoas que desenvolva a función de acompañamento musical no caso dos solistas.

 

Pola súa banda, o relato breve deberá presentarse escrito a ordenador, cunha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa ara, en DIN-A4 e tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas, nun único exemplar.

 

Na categoría de poesía, o tema e técnica serán libres. Tamén deberán presentarse a ordenador, e terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas, e tamén deberán presentarse nun único exemplar.

 

En canto á videocreación, os participantes só poderán presentar obras que non teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes. O tema será libre, pero deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental.

 

As obras de banda deseñada tamén poderán ser de temática e técnica libre. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3, e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa, deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

 

Os traballos de graffiti poderán ser individuais ou en grupo (cun máximo de 3 membros) e, de novo, tanto a técnica como o tema serán libres.

 

Na categoría de deseño de xoias, a colección estará composta por tres pezas. Xunto coa documentación, o participante deberá presentar unha fotografía de cada unha das tres xoias.

 

Xa por último, os participantes na categoría de moda deberán presentar unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos. Os deseños deberán presentarse en láminas de formato DIN A-3, de fronte e de costas. Haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostra dos tecidos que se empregarán na confección.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada