A Xunta impulsa un plan de promoción internacional dos viños de Galicia durante os dous próximos anos

O Goberno galego, na súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial como un dos piares do crecemento económico, segue a desenvolver diferentes programas de impulso para facilitar a saída ao exterior das empresas galegas. Neste sentido, o Consello da Xunta avaliou hoxe o Plan de promoción internacional dos viños e licores galegos que, amparado polas diferentes denominacións de orixe, impulsará a Consellería de Economía e Industria durante os dous próximos anos.

 

Esta actuación pioneira desenvolverase ao abeiro dun protocolo de colaboración do Igape cos consellos reguladores das denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras e Augardentes e Licores de Galicia. O plan centrarase no seu primeiro ano en Alemaña, dado o seu especial interese para os produtores por ser un mercado próximo, de fácil acceso e cun importante potencial consumidor, pero estará aberto a impulsar accións cara a un segundo mercado durante o segundo ano de vixencia.

 

O obxectivo é triplicar no 2017 as exportacións das adegas galegas ao mercado alemán, mantendo os prezos medios das bebidas. En 2014, un total de 80 adegas galegas exportaron cara a este mercado máis de 600.000 litros por un valor de 2,8 millóns de euros.

 

Para isto, baixo o amparo e o renome da marca Galicia Calidade, desenvolveranse distintas accións promocionais para destacar as vantaxes competitivas e diferenciais dos viños galegos, fortalecendo e intensificando a súa presenza nos mercados internacionais, incrementando a súa cota de exportación e facilitando a rotación dos viños neses mercados.

 

Deste xeito, aspírase a dar a coñecer neses mercados os viños das denominacións de orixe galegas que aínda non se exportan, así como incrementar as vendas daquelas adegas ou denominacións que xa comercializan os seus produtos.
No marco deste plan, o IGAPE e os distintos consellos reguladores das denominacións de Orixe colaborarán en cantas actuacións, propostas e accións de promoción, publicidade e presenza nos mercados seleccionados sexan necesarias para o seu desenvolvemento.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada