As Unidades mixtas de innovación promovidas pola Xunta mobilizan 70 millóns e crean 270 empregos en sectores estratéxicos para Galicia

O Goberno galego, na súa aposta pola transferencia de coñecemento ao tecido empresarial como base do incremento da súa competitividade, resolveu a segunda edición do programa para a creación de centros de innovación mixtos por parte de empresas e organismos de investigación. Así, neste 2015, a Consellería de Economía e Industria destina 13 millóns de euros a 11 novas unidades mixtas que mobilizarán preto de 50 millóns. Deste xeito, a iniciativa, a que cabe engadirlle os máis de 20 millóns mobilizados nos 8 proxectos seleccionados no 2014, eleva a mobilización de capital ata os 70 millóns de euros en menos de sete meses, impulsando liñas de traballo innovadoras en sectores estratéxicos para Galicia.

 

Neste contexto, e como destaca o informe presentado hoxe no Consello da Xunta, as
11 unidades mixtas da convocatoria deste ano crearán 165 empregos de alta cualificación, que se suman aos 105 postos de traballo xerados no anterior exercicio, dando un total de 270 novos empregos cualificados.

 

 

As novas unidades mixtas desenvólvense no marco da Axenda da competitividade Galicia – industria 4.0, na procura de promover un modelo industrial baseado na fábrica intelixente, eido que centra catro das iniciativas, e veñen reforzar a capacidade innovadora de sectores estratéxicos para Galicia, en liña coas prioridades establecidas na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).
Así, a maior parte delas correspóndense co reto de incrementar a competitividade das industrias con mais peso na economia galega. Neste sentido, tres novas unidades mixtas súmanse ás tres existentes no sector da automoción, mentres que outras tres inauguran a nómina de unidades no ámbito naval. A alimentación, con dúas, e as TIC, o medio ambiente e a saúde, con unha respectivamente, completan o abano de unidades beneficiarias desta resolución de axudas.

 

O pulo necesario para o naval
No marco do seu compromiso co incremento da competividade do sector naval, Economía e Industria impulsa tres unidades mixtas que, a través dun investimento público de 2,5 millóns, suporán a mobilización de 8 millóns, sumando a achega de empresas e centros tecnolóxicos e de investigación galegos. A alianza de Navantia coa Universidade da Coruña ten como obxectivo optimizar os procesos produtivos para que os estaleiros galegos sexan competitivos en relación cos de Asia e o resto de Europa. Wartsila Ibérica e Aimen traballarán xuntos para mellorar o deseño e fabricación de eixes de buques. Finalmente, Vulcano e de novo Aimen desenvolverán solucións tecnolóxicas de fabricación que sexan intelixentes, flexibles e de baixo custo para o sector da construción naval.

 

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) está presente en dúas das novas unidades mixtas relacionadas co seu sector. Con PSA Citröen deseñará e porá en marcha unha instalación piloto que reflectirá a evolución cara á industria automobilística 4.0, con aplicacións de robótica, mentres que con Viza obterá unha nova xeración de armaduras de asentos de altas prestacións en canto a peso, ergonomía e resistencia. A terceira unidade no marco deste sector nace da alianza entre Aimen e GKN Driveline Vigo e ten como obxectivo o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación de alto rendemento de compoñentes de transmisión para vehículos, que posteriormente se poderán aplicar noutros sectores como o naval e o aeronáutico. O investimento público total nestas unidades supera os 2 millóns e mobiliza máis de 7.

 

As unidades do sector da alimentación contan cun investimento público superior aos 6 millóns de euros, que activan unha mobilización total de 26,5 millóns. O traballo conxunto entre as empresas Calvo e Conservera de Esteiro con Anfaco busca desenvolver o modelo de fábrica do futuro para o sector, aplicando técnicas de visión artificial, TIC e outras tecnoloxías avanzadas para a obtención de produtos á medida do consumidor. Pola súa banda, Coren e o Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver xa sete proxectos estratéxicos en áreas como a cría do polo e o porco, a sanidade animal e os alimentos funcionais.

 

No ámbito da saúde, a Fundación Ramón Domínguez e a multinacional Roche Farma desenvolverán proxectos de investigación en medicina oncolóxica personalizada. A
unidade conta cun investimento público de 700.000 euros, que permitirá a mobilización total de 2,5 millóns.

 

A unidade mixta do sector TIC está promovida por TRC Informática e Gradiant, co fin de desenvolver tecnoloxías intensivas en coñecemento para a súa transferencia ao mercado global de solucións de seguridade, tanto pública como privada. Co apoio da Xunta de 600.000 euros conseguirá mobilizar máis de 2 millóns.

 

Por último, no ámbito do ambiente, o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e a empresa Viaqua crearán sistemas compactos e avanzados para o tratamento de augas adecuados á dispersión poboacional en Galicia. O investimento público de 700.000 euros será completado pola empresa e o centro ata acadar os 2,3 millóns.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada