A Xunta investirá 45 millóns ata o ano 2020 na creación dun polo industrial e tecnolóxico e de avións non tripulados en Galicia

O presidente da Xunta na rolda de prensa do Consello. XOÁN CRESPO.

O presidente da Xunta na rolda de prensa do Consello. XOÁN CRESPO.

A Xunta de Galicia, na súa aposta pola innovación como un dos eixes de desenvolvemento económico de Galicia, investirá, ata o ano 2020, ata 45 millóns de euros para crear en Galicia un polo industrial e tecnolóxico de referencia en avións non tripulados para aplicacións civís, co obxectivo de situar a Comunidade nunha posición de vantaxe no mercado deste tipo de vehículos que contan cunhas óptimas expectativas de crecemento.

 

O Centro de Investigación de Rozas será o núcleo deste polo, ao cal a Consellería de Economía e Industria destinará ata 25 millóns á contratación dun ou varios socios tecnolóxicos, que se encargarán de desenvolver un plan de investimentos asociado a dita contratación, instalar centros de produción, implicar compañías e centros galegos no proxecto e crear emprego. O procedemento, ao que o Consello da Xunta deu o seu visto e prace, se inicia hoxe coa publicación do anuncio e rematará a finais deste ano coa contratación do socio ou socios tecnolóxicos.

 

Neste sentido, o polo integrará centros tecnolóxicos e de investigación galegos capaces de xerar coñecemento en áreas como os sistemas de comunicacións, e a empresas tamén galegas do sector aeronáutico e doutros, como os auxiliares do metal ou os do naval e a automoción, que terán aquí unha oportunidade para a diversificación do seu negocio nun sector de alto valor engadido.
Entre os retos estratéxicos e de futuro que se abordarán figuran a prevención e extinción de incendios, a xestión de catástrofes, o salvamento marítimo, o inventariado e a xestión integral do territorio, o control do furtivismo, a elaboración de mapas de riscos, a vixilancia costeira ou a xestión de fluxos turísticos.

 

A esta aposta sumaranse outros 20 millóns que o Goberno galego destinará neste período, a través dunha convocatoria que se activará o vindeiro exercicio, á compra pública innovadora de tecnoloxías novas pero xa desenvolvidas. Este tipo de iniciativas están considerada pola Comisión Europea como un instrumento imprescindible para impulsar a innovación desde a Administración e proporcionar servizos públicos de calidade.
Cómpre lembrar que a estes 45 millóns se lle suman os 10 millóns de euros que a Xunta, o propio Ministerio e o Inta están a destinar ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas para a adaptación das instalacións existentes.

 

Así, a iniciativa supón unha importante aposta polo contorno socioeconómico galego, e en particular por Lugo, por parte de grandes empresas aeronáuticas, que levarán a cabo o plan de investimentos asociado ao contrato, convertendo Rozas nun referente en Europa no ámbito do desenvolvemento de tecnoloxías en avións non tripulados para aplicación civís.

 

As empresas que compitan por este contrato poderán presentar a súa candidatura ata mediados de xuño a través da web da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.es), e deberán acreditar a capacidade necesaria para investigar a aplicación dos sistemas aéreos non tripulados aos retos expostos pola Xunta, que pola súa vez se implicará no proceso colaborando coa súa experiencia na prestación deses servizos e testeando os avances que se vaian acadando.

 

O resultado será un abano de tecnoloxías civís en sistemas aéreos non tripulados creadas, desenvolvidas, fabricadas e probadas en Galicia e preparadas para ser exportadas ao mercado de maior crecemento na industria aeroespacial mundial nesta decada, estimado en 67.000 millóns de euros para este decenio e que aínda está nunha fase incipiente, polo que un posicionamento temperán como o promovido pola Xunta é clave.

 

Esta actuación esta aliñada coa Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que aposta polo desenvolvemento do sector aeronáutico como alternativa de diversificación dos sectores tractores, e coa Axenda da competitividade Galicia– Industria 4.0, que procura a hibridación multisectorial, o que supón a interconexión de sectores distintos na procura de aproveitar as sinerxías entre eles para mellorar a súa competitividade no mercado global.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada