A Xunta destina 2,3 millóns para mellorar a cualificación de 1.000 desempregados de longa duración con cargas familiares

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace á orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de 67 actividades formativas para aquelas persoas que carezan de cualificación, para que adquiran as competencias mínimas para mellorar a súa empregabilidade, e para aqueles con certa cualificación, para que consigan unha formación axustada ás necesidades do tecido produtivo.

 

En concreto, esta orde pioneira consistirá na convocatoria de 67 accións formativas de catro tipos que poderán beneficiar a 1.000 persoas: vinculadas coa aprendizaxe de idiomas; coas competencias requiridas polas empresas no ámbito das TIC; dirixidas á obtención das competencias clave en lingua castelá, matemáticas e lingua galega, no nivel 2 e 3, e para a adquisición de certificados de profesionalidade.

 

A convocatoria das subvencións previstas será por réxime de concorrencia competitiva. Poderán ser beneficiarias todas aquelas entidades de formación e centros inscritos e acreditados na Consellería de Traballo, nas especialidades formativas as que fai referencia e que estean inscritas ou acreditadas na data da publicación da orde. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación no DOG.

 

Plan de activación para o emprego
Esta iniciativa enmárcase no Plan de activación para o emprego para 2015 e 2016 acordado en xaneiro coa patronal e os sindicatos e que, cun orzamento total de 10 millóns de euros e seis medidas concretas, ten como destinatarios uns 20.000 parados de longa duración con cargas familiares que teñan esgotado as súas axudas ou as súas prestacións hai seis meses ou máis. Ofrece un contido específico de orientación, formación recualificación e recoñecemento da experiencia laboral, xunto cunha medida de protección, a través dunha axuda económica que os acompaña durante a súa duración e permite un mellor aproveitamento das medidas de activación.
As outras cinco iniciativas que completan o plan son as seguintes. A primeira delas consiste na contratación de técnicos de orientación para o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), co fin de titorizar individualmente estas persoas. Son un total de 75, que se suman aos 56 que se contrataron a través do Yei (Programa de garantía xuvenil), isto é, un total de 130 novos orientadores nas oficinas de emprego galegas.

 

Púxose en marcha, ademais, un programa de adquisición de experiencia en entidades sen ánimo de lucro e outro de formación dual, que permitirá aos beneficiarios do programa de activación obter cualificación, asociada a un contrato laboral de formación e aprendizaxe.

 

Os incentivos á contratación son outra das medidas. Segundo o Plan do Goberno estatal, permítese que unha empresa contrate traballadores coa posibilidade de compatibilizar, durante 5 meses, un contrato por conta allea coa renda de acompañamento (426 euros que se deducirán do salario que se aboará). Polo tanto, a Consellería incentiva estes contratos con contías entre 3.000 e 8.000 euros, segundo o tipo de contrato. Así, por exemplo, os 3.000 euros con que se promove o contrato temporal de 12 meses permite que a empresa poida ter un contrato incentivado con máis de 420 euros durante todo o ano, se se computan os 5 meses nos cales se pode compatibilizar o contrato coa prestación aos cales se suma esta axuda da Xunta. Doutra banda, tamén se incentiva a transformación dos temporais en indefinidos.

 

A última medida deste plan de actuación céntrase no fomento do emprendemento, apoiando cada alta como autónomo.

 

Outras inversións en materia de formación
A Consellería de Traballo e Benestar conta tamén con outras medidas en materia de formación como o programa de formación para desempregados, que este ano conta cun orzamento de 23,5 millóns de euros, cos cales se prevé realizar 680 accións formativas vinculadas á obtención de certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional dos cales se poidan beneficiar 10.000 persoas.

 

Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano 2,6 millóns de euros para a formación dual, co que se prevé poder formalizar preto de 500 contratos para mozos e mozas menores de 30 anos. Con esta iniciativa, o departamento autonómico dá resposta á aposta do Goberno galego por incentivar o emprego a través do contrato de formación e aprendizaxe, xa que así se poden formar os mozos e mozas mentres perciben unha retribución polo seu traballo, amparados por un contrato con todas as garantías legais e cun salario estipulado e axustado ao convenio colectivo e supervisado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada