A Xunta promove o reinvestimento dos ingresos producidos nos montes na procura dunha xestión forestal sustentable

O Consello da Xunta avaliou este xoves un informe da Consellería do Medio Rural e do Mar sobre o inicio da tramitación do proxecto de decreto polo que se desenvolve o procedemento de comunicación e de verificación das cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común. Esta norma desenvolve a Lei de montes de Galicia, que estableceu, como norma xeral, unha cota mínima do 40% de reinvestimento para a mellora e protección forestal de todos os ingresos xerados por estes montes, co fin de promover un desenvolvemento sustentable dos terreos forestais.

 

Actualmente nestes terreos estanse a realizar aproveitamentos dos diferentes recursos que produce o monte (pasto, biomasa, madeira, castañas, cogomelos…) e estanse a desenvolver diferentes actividades e usos (produción eólica, actividade extractiva, vitivinícola, sociorecreativa, etc.) que xeran ingresos dun xeito continuado.

 

Parte destes ingresos deben ser novamente investidos no seu propio monte co fin de asegurar a súa sustentabilidade no tempo. Esta norm a clarifica as actuacións e prazo de reinvestimento ao que teñen que ser dedicados parte dos ingresos xerados polo monte veciñal.

 

Entendendo que os prazos en materia forestal son longos e polo tanto os reinvestimentos deben ser acompasados a esta realidade, a Lei de montes de Galicia fixou un período máximo de 4 anos contados a partir do ano seguinte no que se produciu o ingreso para realizar o reinvestimento das cantidades obrigadas. No caso de que se tivese que exceder o dito prazo, e sempre de forma xustificada, a comunidade de montes veciñais en man común (CMVMC) podería presentar un plan de investim entos plurianual que, tras a súa aprobación administrativa, faría posible alongar estes prazos.

 

Asemade, o proxecto de decreto regula que as CMVMC no primeiro semestre de cada ano natural deben presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar unha comunicación
sobre a execución das actuacións realizadas para avalorización e multifuncionalidade dos seus propios montes financiadas polas cantidades de reinvestimento obrigadas.

 

Con esta norma afondarase na definición e concreción detallada dos diferentes ingresos que deben ser obxecto de reinvestimento no monte. Ademais, establecerase unha relación clara e clasificada das actuacións en materia de protección e mellora do monte que poden ser obxecto de execución e financiadas polos obrigados reinvestimentos. Polo tanto, o proxecto de decreto clarifica e asenta unha necesaria seguridade xurídica para as CMVMC co fin de levar a cabo o reinvestimento de ingresos nos seus propios montes a través de actuacións en materia de xestión forestal sustentable.

 

Estímase que en Galicia hai máis de 150.000 galegas e galegos que posúen a condición de veciños comuneiros, compoñendo as máis de 3.350 comunidades de montes veciñais en man común. Estas comunidades están a obter ingre sos continuadamente polo aproveitamento dos seus recursos e actividades e, segundo a lei, unha parte ou porcentaxe deses ingresos teñen que ser reinvestidos en actuacións para a posta en valor e multifuncionalidade dos seus propios montes. Co fin de verificar o cumprimento desta obriga, anualmente, as CMVMC, deben comunicar estes reinvestimentos á consellería competente en materia de montes.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada