Veteranas poetas da india e da montaña luguesa poñen o ramo a poetas Di(n)versos

Helena Villar Janeiro.

Helena Villar Janeiro.

Hai algúns días coñeciamos a nova da cancelación, por parte da americana Louise Glück, da súa viaxe a España con paradas en Granada e A Coruña. Iso fai da próxima cita de POETAS DI(N)VERSOS a última da edición en curso. Terá lugar no presente mes de xuño, como foi habitual nas últimas seis edicións do ciclo de recitais poéticos; coma sempre en luns, o día 8 ás 20:30h, no Auditorio do Ágora da Coruña.

O encontro reunirá dúas autoras veteranas en cadansúa lingua literaria: o hindi e o galego. As recoñecidas poetas Rati Saxena e Helena Villar Janeiro lerán obra propia nos seus idiomas orixinais, aínda que seguida de traducións ao galego no caso da visitante. Soarán na voz da responsable das mesmas, a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, directora de POETAS DI(N)VERSOS, quen tamén conducirá –como cada mes– o acto. Ao remate do recital, de aproximadamente unha hora, o público asistente poderá aproveitar para adquirir algunha das obras das convidadas e levar unha sinatura nos seus exemplares. Pinceladas de música e plástica adobiarán unha sesión lírica e emocional capaz de cativar a propios e estraños.

Rati Saxena.

Rati Saxena.

A programación poética do Concello da Coruña, único ciclo periódico e regular con poetas internacionais en toda España, agarda poder renovar as súas citas mensuais o vindeiro curso, logo do habitual parón estival. Ata o de agora, máis de oitenta poetas das máis diversas nacionalidades, incluídos Premios Pulitzer, Nacionais de Poesía e candidatos ao Nobel, pasaron ante o nutrido público dun ciclo que acadou o Premio da Crítica Galicia á mellor Iniciativa Cultural.

 

Helena Villar Janeiro naceu en Becerreá (Lugo), foi profesora de ensino primario e secundario e, hoxe retirada, vive entre Compostela e Rianxo. Foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e membro do plenario do Consello da Cultura Galega. Comezou na poesía facendo parte do colectivo Cravo Fondo (1977), e deu ao prelo multitude de títulos tanto en poesía como en prosa, ensaio divulgativo e literatura infanto-xuvenil, algún deles asinados a catro mans co seu home, Xesús Rábade Paredes. É unha habitual colaboradora en prensa e recibiu galardóns coma o Xacobeo ou o Eusebio Lorenzo Baleirón. Pola súa banda, Rati Saxena naceu no Rajhastán (norte da India), e reside hoxe no estado de Kerala, no sur. É poeta, tradutora, editora, promotora cultural e estudosa dos Vedas (textos sagrados da literatura clásica escrita en sánscrito). Autora de once poemarios en hindi e inglés, os seus traballos teñen sido galardoados polo Centro Nacional das Artes Indira Ghandi ou pola Kendriya Sahitya Akademi. Fóra da India, impartiu conferencias en universidades americanas e fixo parte de festivais de poesía en países como Italia, Noruega, Macedonia, Austria, Colombia, Irán ou China.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada