O libro ‘Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia’ fai un percorrido pola vida e obra do escritor e xornalista a través de material documental e fotográfico

Portada do libro.

Portada do libro.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense foi esta tarde o escenario da presentación do libro ‘Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia’, unha obra promovida polo Centro PEN de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que recupera e actualiza a vida e obra deste escritor e xornalista galego-arxentino.

 

“Con esta edición recupérase un anaco da historia da achega da colectividade galega á construción da cultura arxentina, e viceversa, porque os persoeiros das nosas letras, e Bernárdez tamén o é, se nutriron e medraron da intensa actividade e capacidade intelectual que existiu en Buenos Aires”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación da obra, á que se referiu como “unha oportunidade para coñecer as distintas facetas do poeta e para afondar na construción da cultura galega e arxentina”.

 

“A diáspora galega foi unha desfeita demográfica en Galicia pero, ao mesmo tempo, favoreceu un crecemento intelectual, unha apertura de horizontes que talvez non se dese sen este fenómeno da emigración, e a construción de irmandades tan fortes como a arxentino-galega”, asegurou Anxo Lorenzo nun acto no que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; o presidente do Centro PEN Galicia e coordinador da obra, Luís González Tosar; e o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luís Fernández. Xosé Ricardo Rodríguez e Armando Requeixo, colaboradores da obra, tamén interviron na presentación, que contou co acompañamento musical da Coral de Ruada.

 

Fidelidade e identidade galega
De orixe arxentina e ascendencia galega, Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) residiu algúns anos en Galicia. Da súa avoa aprendeu a lingua galega, idioma no que deu os seus primeiros pasos como escritor. Activo partícipe da acción cultural e política en Arxentina ao pé da colectividade emigrante e exiliada, a súa fidelidade e identidade galega foi constante e permanente na súa vida.

 

Achega biográfica e literaria
Baixo o título de ‘A recuperación dun poeta’, o volume realiza unha fonda achega á biografía e traxectoria literaria do escritor a través de diversas colaboracións realizadas ex professo para o libro, que ofrece numeroso material documental e fotográfico descoñecido ata o de agora. As case trescentas páxinas que conforman a publicación tamén inclúen unha completa cronobiobliografía e unha coidada selección de textos do autor –poemas, traballos en prosa etc.– escritos en galego e sobre Galicia.

 

O libro é froito dunha colaboración colectiva, liderada polo Centro Pen Galicia co apoio da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, na que tamén se implicaron as academias das dúas beiras do atlántico: a Real Academia Galega e a Academia Argentina de Letras.

 

Xornalista, escritor, diplomático e galeguista
Con 20 anos, o xornalista, escritor e diplomático arxentino (Bos Aires, 1900-1978) viaxou a Ourense para se establecer no concello de Maside, de onde eran orixinarios os seus avós paternos. Durante os catros anos nos que vive de xeito ininterrompido en Galicia, Bernárdez traballa como xornalista en ‘El Pueblo Gallego’ de Vigo, ademais de colaborar en varias revistas e xornais galegos, e de publicar poemas e artigos e lingua galega.

 

Neste período relaciónase con destacados intelectuais galeguistas, como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao etc., ao tempo que se integra no ideario galeguista. Xa de regreso en Arxentina, destaca como xornalista en ‘La Nación’ de Bos Aires, onde coincide con Eduardo Blanco Amor.

 

No ano 1944, Bernárdez é nomeado director xeral de Cultura do Goberno da Nación. Académico en 1950, foi incorporado en 1955 ao Servizo Diplomático. O seu primeiro destino foi como Embaixador en Madrid ata 1960 e alí volverá entrar en contacto con intelectuais galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Fernández de la Vega, entre outros, impulsores de Galaxia, empresa na que o escritor arxentino colaborará decididamente.

 

A súa defensa da lingua galega quedou reflectida en escritos como o seu “Discurso encol do idioma galego”, publicado en Bos Aires, en galego, en 1965. En 2010, o Concello de Maside declarouno Fillo Adoptivo.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada