Fernández-Couto destaca a importancia de aplicar o I+D+i á viticultura e á enoloxía para mellorar a produción vitivinícola

O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, destacou esta tarde en Ourense a importancia de aplicar o I+D+i aos eidos da viticultura e a enoloxía para mellorar a produción vitivinícola. Fíxoo na clausura do Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia, o primeiro evento destas características celebrado en Galicia, que estivo organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

 

Fernández-Couto destacou tamén o peso do sector do viño no medio rural galego e neste sentido indicou que este eido produtivo supón un medio de vida para preto de 17.000 persoas, só en emprego directo. Engadiu ademais que no pasado exercicio producíronse en Galicia máis de 35 millóns de litros de viño cualificado por algunha das 5 denominacións de orixe vitivinícolas, e facturáronse preto de 153 millóns de euros a través de 448 adegas.

 

Nesta xornada, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade das Burgas, participaron un total de 50 investigadores de 15 grupos. Deles, 10 traballan en viticultura e 5 en enoloxía. Estes grupos de científicos representan a entidades como a propia Evega, a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e distintos departamentos das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

 

No desenvolvemento do congreso, os grupos participantes na área de viticultura falaron das liñas de traballo abertas neste intre na nosa Comunidade Autónoma e que abranguen un amplo abano de materias, dende a posta en valor das variedades autóctonas galegas e a agroinformática aplicada á viticultura ata a posta en valor da aerobioloxía e a fertirrigación como sistemas de optimización de recursos e a colleita.

 

No eido da enoloxía, presentáronse estudos que achegan avances na valorización de subprodutos para a obtención de aditivos alimentarios, os efectos de funxicidas e fitosanitarios no viño así coma o illamento e caracterización de lévedos e a súa influenza na diferenciación dos viños galegos.

 

Tamén, no seo deste congreso presentáronse as conclusións do proxecto de investigación Influencia de diferentes prácticas culturais no estado hídrico de viñedos do noroeste de España: valoración agronómica e económica, coordinado polo doutor José Manuel Mirás. Este estudo está financiado polo Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA) cun 80% de fondos FEDER. O proxecto está dividido en dous subproxectos, un deles liderado pola Evega e outro polo Grupo Proxectos e Planificación (GI 1716) da Universidade de Santiago de Compostela.

 

O proxecto xurdiu como resposta ao incremento na utilización de sistemas de rega nos viñedos galegos, especialmente en Rías Baixas, con motivo de paliar os posibles efectos negativos que o cambio climático produciría na viticultura da Comunidade Autónoma. Pretendeuse obter información sobre o momento óptimo para iniciar a rega, que cantidade regar e como aplicar ese auga.

 

O proxecto conclúe que a rega non afecta de igual xeito ás diferentes variedades consideradas: o Albariño baixo rega produciu máis que en secano, pero o Godello e a Treixadura non presentaron diferenzas significativas na maioría dos anos estudados.

 

O programa do congreso completouse cunha mesa redonda das 5 denominacións galegas de viño, á de Orujo de Galicia e o Ingacal. Nela os distintos participantes expuxeron as principais necesidades de investigación en Galicia para un futuro, centradas en aspectos como as enfermidades da madeira e o control de pragas, a mellora no manexo de viñedos, a zonificación vexetal ou a innovación nos produtos derivados da vide.

 

Esta xornada científica pechouse coa presentación do proxecto Winetwork por parte do secretario técnico do Ingacal. Nesta iniciativa participan 12 rexións de 7 países europeos (Galicia está representada polo Ingacal) e ten como obxectivo a creación dunha rede europea de transferencia de información e coñecemento para aumentar a sustentabilidade do viñedo.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada