A Xunta facilita ás empresas e centros de investigación galegos establecer alianzas cos candidatos a socio tecnolóxico do polo industrial de avións non tripulados

O Goberno galego segue a dar os pasos necesarios para constituír en Rozas un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados en Galicia. Así, os próximos días 20 e 21 de xullo a Cidade da Cultura acollerá un evento que reunirá a todas as empresas que teñen manifestado o seu interese en participar no proxecto, tanto para ser escollidas como socio tecnolóxico da Xunta, como para tomar parte nos procesos de compra pública innovadora que se levarán a cabo o ano que ven.

 

Este taller, cuxo programa se pode consultar na web da Axencia Galega de Innovación –gain.xunta.es-, permitirá explicar os requisitos da iniciativa, afondando nas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados no desempeño de servizos públicos como a vixilancia forestal, o control de recursos pesqueiros ou o salvamento marítimo. Non en van, as empresas que compitan polo contrato deberán acreditar a capacidade necesaria para investigar a aplicación dos sistemas aéreos non tripulados de uso civil a este tipo de retos.

 

Así mesmo, as dúas xornadas supoñen unha ocasión inmellorable para que as empresas e os centros de investigación galegos establezan alianzas cos candidatos a socio tecnolóxico do polo de cara a presentar as mellores ofertas. Para participar no taller, os interesados deben enviar cuberta, ao enderezo programas.gain@xunta.es, a solicitude de manifestación de interese, cuxo prazo de presentación vense de ampliar ata o 30 de xuño ante o gran número de peticións.

 

As compañías disporán dun espazo expositivo no que amosar e dar a coñecer os seus novos avances tecnolóxicos. Ademais, celebraranse reunións de traballo programadas previamente, que facilitarán a achega de puntos de vista e posibilidades futuras de cooperación no desempeño deste polo industrial. Así mesmo, está prevista a visita ás instalacións de Rozas co obxectivo de que as compañías coñezan, de primeira man, os traballos que se están a desempeñar no Centro de Investigación Aerotransportada grazas a un investimento conxunto de 10 millóns por parte da Xunta, o Ministerio de Economía y Competitividad e o Inta.

 

Este Centro será o núcleo dun polo que contará cun investimento público de ata 25 millóns para a contratación do socio ou socios tecnolóxicos, que se encargarán de desenvolver un plan de investimentos asociado a dita contratación, instalar centros de produción, implicar compañías e centros galegos no proxecto e crear emprego.

 

O proceso concluirá a finais de ano coa contratación do mencionado socio, poñendo á Comunidade en situación de competir nun mercado que se estima que acade os 67.000 millóns en 2020, e situando a Rozas como un referente en Europa no ámbito do desenvolvemento de tecnoloxías en avións non tripulados de uso civil.

 

A esta aposta sumaranse outros 20 millóns que o Goberno galego destinará neste período, a través dunha convocatoria que se activará o vindeiro exercicio, á compra pública innovadora de tecnoloxías novas pero xa desenvolvidas.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada