A MIT, un espazo de convivencia e intercambio, de estadía calma e sosegada arredor da arte

A MIT presenta as actividades paralelas do programa de 2015, entre as que destacan un curso co director Marco Layera, de La Re-sentida (Chile), a Residencia de Dramaturgos/as galegos e portugueses, os Foros de Ribadavia ou a presentación dun novo Proxecto chamado Berberecheira coa compañía galega Chévere (Premio Nacional de Teatro) o 19 de xullo.

 

Coa intención de consolidar a idea de festival como un espazo de convivencia e intercambio, de estadía calma e sosegada arredor da arte, a MIT reforza a dimensión formativa, divulgativa, mediadora e de presentación ou xestión de proxectos. Neste ámbito enmárcase, por exemplo, o foro que se celebrará o día 20 de xullo ás 19.00h coas plataformas, axentes e asociacións do tecido profesional teatral galego con esta intención de “Rearmarse para o futuro. De pouco vale o laio. A crise na cultura institucional, o obsoleto sistema de concesión de axudas, o desaproveitamento dos espazos de exhibición que as compañías poden dinamizar non só coa programación de espectáculos, etc. Temas urxentes e importantes para o futuro do teatro galego. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia acaba de renovar a súa directiva, tamén Escena Galega, á que se acaba de sumar unha moi considerable cantidade de compañías profesionais para fortalecela na súa representatividade e na vontade de interlocución para o cambio. Xunto a estes colectivos, creadores a título individual, axentes da crítica, da dirección de espazos escénicos e da educación artística, toda a cidadanía e os medios participarán na exposición de estratexias e demandas. Un encontro moderado por Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro e Presidente de La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública.”

 

A nivel formativo, a MIT aproveita a posibilidade da estrea en Galicia dunha das compañías punteiras de Chile para ampliar a un curso que terá lugar entre o 21 e o 24 de xullo coa compañía La Re-sentida, grupo que nace no ano 2008 e que está integrado por novos artistas da escena nacional chilena, que se abocan á procura e consolidación dunha poética capaz de encarnar os pulsos, visións e ideas da súa xeración. O obxectivo é concretar postas en escena autorais, desmarcándose así das formas e discursos artísticos hexemoneizantes. Desde esta perspectiva, a compañía asome como un deber a desacralización de tabús e a reflexión desde a provocación, outorgándolle á creación teatral unha gran responsabilidade política, entendéndoa como un instrumento de crítica, reflexión e construción. É a segunda compañía chilena, despois de La Troppa, que accede á Schaubühne, templo da vangarda teatral alemá. Despois do éxito no Festival d’Avignon, presentan o seu espectáculo La imaginación del futuro, o día 24 de xullo na MIT de Ribadavia, para continuar no GREC Barcelona, dentro da súa xira internacional. O curso, titulado “Autoría e Liberdade Creativa en Escena” custa 50€ e ten un desconto do 50% para socios/as da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega e estudantes da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia). Todos os interesados/as deben inscribirse no enderezo info@mitribadavia.com antes do 18 de xullo.

 

Durante a MIT tamén se dará a coñecer o resultado da convocatoria do X Premio Abrente de textos teatrais. O xurado, formado pola actriz Belén Constenla, o investigador e profesor da Université Toulouse II-Le Mirail e o actor e codirector de A Artítica de Vigo, Alfredo Rodríguez, dará a coñecer o resultado das deliberacións e o nome do texto premiado nesta 10 convocatoria do premio o día 22 de xullo. De seguido, o colectivo de dramaturgas e dramaturgos galegos e portugueses coordinado por Mundo Razoável, presentarannos o resultado da escrita levada a cabo durante os días de estadía na MIT de Ribadavia, nun espazo delongado para o encontro, a creación e a convivencia.

 

Estas Experiencias Dramatúxicas xiran arredor da produción, experimentación, cruzamento e divulgación das novas dramaturxias nacionais e internacionais, a través dunha rede de dramaturgos/as portugueses/as e galegos/as e de artistas interesados na escrita para o escenario. A actividade acontece en contexto de residencia de escrita, onde varios autores e autoras, directores/as e actores e actrices se xuntan, facendo que a creación e a experimentación de textos para a escena aconteza. A experiencia conxunta, en tempo real, do acto de creación, contribúe para muscular e potenciar o traballo individual de cada un dos creadores implicados.

 

A exposición sobre Barriga Verde, realizada pola Asociación Cultural Morreu o Demo, que se poderá ver na Igrexa da Madalena durante todo o festival, os espectáculos de rúa (algúns premiados en festivais internacionais como Caballos de Menorca, o 19 de xullo) e outras actividades, recóllense nun programa ampliado, que este presenta artigos escritos por especialistas sobre os espectáculos da MIT 2015, entrevistas cos creadores e outros materiais complementarios.

 

Para máis información sobre venda de entradas (ataquilla.com), venda de abonos para os espectáculos do Castelo (ata o día 10 de xullo), sobre venda inmediata cada día do festival e outras actividades, a MIT facilita un número de teléfono para os usuarios, o 988470043.

ribadavia

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada