A Xunta destinará 1,5 millóns de euros en 2015 a actuacións de rehabilitación en edificios de vivendas

A Xunta de Galicia destinará este ano 1,5 millóns de euros a axudas para a rehabilitación de edificios de vivendas dentro do programa de rehabilitación edificatoria do plan de alugueiro e rehabilitación 2013-2016, tal como establece a Orde que este martes publica o Diario Oficial de Galicia e pola que e regulan estas axudas e se convocan para 2015.

 

Os interesados disporán ata o 21 de agosto para presentar as solicitudes.

 

As subvencións reguladas por esta Orde están destinadas a cubrir parte dos gastos da realización de actuacións de rehabilitación, consistentes na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, nos elementos e espazos comúns, en edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os requisitos establecidos no plan de alugueiro e rehabilitación:

 

a) Estar finalizados antes de 1981.
b) Polo lo menos o 70% da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.
c) Polo menos o 70% das vivendas constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias.

 

Poderán aceptarse excepcións no caso de edificios que presenten graves danos estruturais ou doutro tipo, ou que se destinen na súa totalidade ao alugueiro, durante polo menos 10 anos a contar dende a recepción da axuda.

 

Beneficiarios e contía
Poderán beneficiarse destas axudas as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, así como as persoas físicas que sexan propietarias únicas dun edificio de carácter predominantemente residencial.

 

A contía máxima das subvencións a conceder por edificio non poderá superar o importe de 11.000 euros por cada vivenda e a mesmo importe por cada 100 metros cadrados de superficie útil de local. Dita cantidade será de 12.100 euros cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Ao mesmo tempo, a axuda máxima non poderá ser superior ao 35 por cento do importe total da actuación, excepto no caso de actuacións de mellora da accesibilidade, no que poderá chegar ao 50 por cento.

 

cuadro_vivi

As contías sinaladas poderán incrementarse nun 10% cando se trate de edificios declarados Bens de Interese Cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

 

Plan RehaVIta
A convocatoria de axudas do programa de rehabilitación edificatoria que regula a Orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia está incluída entre as actuacións do Plan rehaVIta, Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora de Acceso a Vivenda 2015-2020, aprobado polo Consello da Xunta en febreiro de 2015 e que destinará máis do 46 por cento dos fondos previstos a actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas.

 

Unha das primeiras medidas de aplicación do Plan rehaVIta no eido da rehabilitación foi a sinatura de convenios co Ministerio de Fomento e os concellos realizada o 14 de marzo e na convocatoria de novas axudas para ARI.

 

No primeiro caso asináronse convenios cos concellos que tiñan actuacións pendentes nas súas áreas de rehabilitación, convenios que permitirán financiar con cargo a fondos do plan 2013-2016 un total de 508 actuacións pendentes, por un importe de máis de 5,8 millóns de euros. Pola súa parte, a convotoria de novas axudas para ARI suporá o reparto de 9,5 millóns de euros entre 2015 e 2016, o que permitiría a rehabilitación de mais 1.200 vivendas, así como actuacións de urbanización e reurbanización por parte dos concellos.

 

Ademais, o pasado seis de abril o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde pola que se establecen axudas para a obtención do informe de avaliación dos edificios, documento que será necesario para acceder ás axudas de rehabilitación e obrigatorio para todas as vivendas de máis de 50 anos.

 

Esta orde prevé axudas por importe dun millón de euros, o que supón que preto de 50.000 vivendas poderán obter dito informe con axuda da Xunta de Galicia.

 

Por outra parte, o Consello da Xunta aprobou a finais de abril o pago de axudas do programa Renove do Plan de Vivenda 2009-2012 por importe de máis de 6,7 millóns de euros, que xa foron aboados aos beneficiarios.

 

Asemade, o IGVS traballa na convocatoria de axudas de rehabilitación no medio rural e en conxuntos históricos, financiadas exclusivamente con fondos autonómicos.

 

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada