Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra, “A Festa do Viño do Condado é ‘cómoda’, pódese desfrutar de pé ou sentado”

Arturo Grandal ante as letras en granito de Salvaterra na rotonda cara a Ponteareas. MONTAXE FOTOGRÁFICO. GRUPO ES.

Arturo Grandal ante as letras en granito de Salvaterra na rotonda cara a Ponteareas. MONTAXE FOTOGRÁFICO. GRUPO ES.

Salvaterra xa cheira a viño. O preparativos para a 56 Festa do Viño do Condado do Tea van a toda présa para recibir miles de visitantes na derradeira semana de agosto. Esta terra de adegas marcada pola presenza do río Miño e os seus afluentes, como o Tea, volve a enxalzar os albariños e os condados da Denominación de Orixe Ría Baixas. Transcorreu un ano de traballos e agora toca desfrutar dos afamados caldos paseniñamente en conversa cos familiares e amigos.

 

Arturo Grandal Vaqueiro, recén reelixido alcalde de Salvaterra de Miño, concede unha entrevista a Grupo ES. para dar detalles da Festa e da vila que acolle os visitantes dispostos a degustar os célebres ‘deliciosos’.

 

Grandal cre que 56 anos son moitos anos para a terceira festa máis antiga de Galicia. Desde entón houbo cambios. ¡Claro que sí! Empezouse co viño caseiro e, ao ver que o futuro dos viños pasaban polas Denominacións de Orixe, baixo a DO Rías Baixas pasouse ao viño etiquetado. O alcalde está orgulloso do número de persoas que acoden a esta Festa do Viño “Non só do sur de Galicia senón de España e sobre todo do Norte de Portugal. Estamos unidos ao país veciño pola ponte internacional…”.

 

A Festa do Viño do Condado está rexida por unha comisión da que forma parte o Concello, os adegueiros, os filatélicos… “Para nós é a festa grande de Salvaterra… sempre na derradeira semana de agosto”, explica Arturo Grandal. O obxectivo é “dar a conocer e promocionar os nosos caldos”. Ao alcalde gústalle repetir esta imaxe: o viño é como un meniño que hai que coidalo desde que nace ou mellor antes de que naza…hai que coidar a videira… Así se cumpre un ciclo dun ano de traballo. “E tamén unha festa de agradecemento a todas as persoas que traballan a prol do viño e da súa comercialización”, manifesta Grandal.

 

A subzona do Condado do Tea da DO Rías Baixas produce o afamado branco albariño e o branco e tinto condado a base dunha mestura de albariño con outra caste de uvas. Grandal destaca que os viños desta subzona son moi premiados nos concursos de catas por “a climatoloxía soleada e as características edafolóxicas do solo arxiloso, cunha altitude axeitada …”.

 

A Festa do Viño do Condado ten o día forte, institucional, o domingo. “Pero os actos comezan xa coa semana –a derradeira de agosto- coas catas comentadas de viños brancos e tintos do Condado, no Castelo de Salvaterra”, explica Arturo Grandal. A apertura oficial e dos stands das adegas e dos produtos típicos como lamprea, cabrito, … é o venres, este ano o 28, ás 20.00 horas. O sábado está marcado, entre outras cousas, pola cata á procura dos Viños Deliciosos, un concurso oficialmente recoñecido polo Ministerio de Agricultura. O domingo, os cofrades da Confradía do Viño do Condado do Tea nomean novos confrades que xuran defender os caldos albariño e condado da zona durante toda a vida. De seguido faise pública a declaración dos Viños Deliciosos do Ano.

 

Ás 12.30 horas, este ano, o escritor e xornalista gastronómico, Pepe Cadavedo, lerá o pregón da Festa do Viño do Condado do Tea.

 

O alcalde subliña que “se reciben moitísimas persoas en Salvaterra. “Isto é importante para as nosas adegas e  move moita riqueza. Polo tanto, é moi importante para o noso municipio”.

 

Arturo Gandal tamén destaca a beleza do recinto amurallado do Castelo de Salvaterra. “É un lugar encantador, especialmente pola noite”.

 

“Desde hai uns anos orientamos a festa ao seu desfrute tamén pola noite”. E engade: “É unha festa cómoda porque temos centos de cadeiras e mesas para que a xente poda sentar e desfrutar da noite conversando con familiares e amigos no patio do Castelo. Na Festa do Viño do Condado non ten un porque estar de pé e pode sentar, a diferenza doutras. Así transcorren para moitos cinco ou seis horas degustando o viño acompañado doutros produtos en amigable conversa”.

 

CASA DO VIÑO

 

Outro proxecto no recinto do Castelo é a Casa do Viño (tamén chamada Casa do Conde) que “xa temos totalmente rematada e coido que se inaugurará antes de fin de ano”, anuncia Grandal aos lectores de Grupo ES. “Vai ser a Casa do Viño do Condado do Tea. Estarán representadas todas as adegas da comarca cos seus viños. É unha realidade que as máis importantes adegas da comarca están radicadas neste municipio de Salvaterra. Haberá tamén un restaurante que ofrecerá degustacións dos viños da comarca e dos produtos gastronómicos típicos. A Casa do Viño vaise converter no centro do viño de toda a comarca.

 

FESTA DE GALICIA DE INTERESE TURÍSTICO

 

Arturo Grandal tamén está orgulloso, -“é importante”, di- do recentísimo recoñecemento da Xunta de Galicia, a través do Consello de Turismo, aprobando a Festa do Viño do Condado do Tea como Festa de Galicia de Interese Turístico. Un pouco máis adiante farase a declaración correspondente, un trámite que completa isto. Grandal explica que hai moitas festas gastronómicas e con esta declaración xente que pode vir de fóra –os de aquí xa a tiñan por importante- ten unha orientación para distinguir cales son as festas gastronómicas imprescindibles en Galicia.

 

Respecto á vila que rexe este alcalde, Salvaterra é “especial”. Primeiro pola súa situación, ao sur de Galicia, na área de Vigo. “Estamos a 20 minutos de Vigo, a vinte minutos dun hospital, a 20 minutos dun aeroporto, dunha praia… “.  E segue: “Ademais estamos unidos con Portugal, con esta vila tan bonita, marabillosa, que é Monçao”. Arturo fai contas: Salvaterra ten 10.000 habitantes e Monçao 20.000. En total son “30.000 en un radio moi pequeno. Somos dous municipios pero como se fósemos un… Estamos moi ben relacionados na parte cultural, deportiva… e institucional”. Explica o alcalde que se asinou  recentemente un irmandamento coa vila lusa e vanse complementar servizos. “Así poderemos dar máis e mellores servizos”.

 

Cando fala de Salvaterra de Miño ao seu alcalde non lle faltan eloxios para co seu municipio. “É unha vila bonita. É o municipio das mil árbores… plantadas nos casco urbano. Ademais de 500 árbores de camelias. Temos case 10.000 habitantes e dentro deste rango somos o municipio que ten máis metros cadrados de zona verde por habitante. Contamos cun gran parque público A Canuda de 20 hectáreas, á beira do río Miño… un dos enclaves máis visitados no Sur de Galicia… e con atractivos tanto para un neno como para un mozo ou un adulto…, ten un lago con barcas… En fin, un lugar digno de se visitar e eu invito a todos a vir Á Canuda”.

 

E engade: “Salvaterra ofrece un gran paseo á beira do río Miño. Mercamos hai anos as murallas e o Castelo… rehabilitamos o conxunto… xunto coa Casa do Viño”.

 

En definitiva o municipio de Salvaterra é “un lugar para visitar”. Un concello que crece en poboación “porque nos últimos tempos viñeron vivir aquí persoas da comarca e tamén de Vigo”.  E exclama: “¡Por algo será! Porque hai calidade de vida, porque poden desfrutar da Natureza… como do parque de A Canuda que está mesmo no casco urbano”.

 

VILA TERMAL

 

“Nas beiras do Miño sempre existiron augas termais”, afirma Grandal disposto a aproveitalas para converter Salvaterra en una vila tamén termal. “Temos localizado algún pozo con auga medicinal a unha temperatura de 40 graos. Agora estamos a afondar máis para ver se alcanzamos os 50 graos e os técnicos dinnos que é posible. Se isto é así construiremos unas pozas termais. E a ver se dentro de poucos anos Salvaterra pode ser unha pequena vila termal”, di Grandal non falto de modestia.  O alcalde neste sentido mira tamén a Monçao que ten o seu balneario.

 

Antes de rematar a entrevista con Grupo ES., Arturo Grandal invita a todas as persoas a vir á 56 Festa do Viño do Condado do Tea e desgustar e desfrutar dos seus albariños e condados acompañados dos produtos da terra. Xunto a isto, engade que coñecerán o seu patrimonio e as súas zonas verdes así como comprobarán a hospitalidade dos salvaterrenses.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada