Antonio Alén, adegueiro e Gran Mestre da Confraría: “No Condado hai a mellor calidade de uva da DO Rías Baixas”

 

Son xa 16 anos de vida da Confraría do Condado do Tea. Antonio Alén é o seu presidente e Gran Mestre desde hai 6. Agora a Confraría incorpora tamén os viños espumosos e por iso se chama Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos. Os espumosos teñen festa propia, no mes de novembro, e son os de toda a DO Rías Baixas.

Máis de medio centenar de confrades –exactamente 56 dos cales 4 son fundadores- a compoñen para “exaltar, promover e promocionar os viños que se producen na nosa zona, na subzona Condado do Tea”, explica o Gran Mestre.

 

Este domingo, no Capítulo Xeral deste Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, incorpóranse catro novo confrades, “despois duha discutida deliberación”. E engade: “Escollemos a catro persoas que na súa traxectoria persoal e profesional demostraron que son grandes defensores dos nosos viños e invitámolos a formar parte da nosa Confraría e aceptaron gustosos”.

 

NOVOS CONFRADES

 

Os novos confrades, adianta os seus nomes o Gran Mestre Antonio Alén a Grupo ES., son Xosé María Caleta Guzmán, enólogo de Adegas La Val; Javier Álvarez Rodríguez, xerente de Adegas María Isabel Rodríguez de Meder, Salvaterra; e Alfonso Dorado Senra, presidente do Grupo filatélico-numismático do Val do Rosal. Ademais, Jesús Paz Parracho, que é na actualidade presidente-Mestre Supremo da Confradía dos Viños Rías Baixas de Vilagarcía de Arousa, vai ser nomeado Confrade de Honra.

 

Antonio Alén, nas Covas de Dona Urraca onte a tarde, durante a entrevista con Grupo ES.

Antonio Alén, nas Covas de Dona Urraca onte a tarde, durante a entrevista con Grupo ES.

Alén comenta que “a xente está moi interesada en entrar na Confraría. Non sei por que. O único que supón é ter que desprazarse a actos de representación…para enxalzar os nosos viños, para falar deles. Eu creo que hai un sentimento no mundo do viños que obriga a participar nestas cousas… Esperemos que en breve cheguemos a ser un centenar”.

 

INDUMENTARIA

 

A Confraría do Viño do Condado ten unha indumentaria moi particular. Un mandil ao xeito do que levaban os toneleiros e os adegueiros. Os toneleiros para fabricar as barricas utilizaban un mandilón de coiro pois as madeiras rozaban as prendas de la … Polo tanto non hai nesta confraría nin capas nin gorros. “Escollemos un elemento que forma parte do oficio de adegueiro”. Xunto ao mandil os confrades levan un cata viños ao pescozo.

 

Cando se inviste a un confrade o gran mestre pregúntalle ao novo incorporado: “¿Xuras polo noso padrón san Lourenzo loitar e defender os nosos viños alá onde esteas? Se así o fas, que Deus che dea longa vida e sede para desfrutar. E se non, sexas condenado aos tristes eidos dos abstemios”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Este ano Antonio Alén manifesta que quere darlle un novo pulo á Confraría do Viño do Condado. Antes do Capítulo da Confraría nas Covas de Dona Urraca no Castelo de Salvaterra, van recibir na casa do Concello a benvida do alcalde e entregaráselles un pequeno agasallo ás catro confrarías invitadas. Logo farán un paseo ata o recinto da Festa no Castelo.  “E ano a ano iremos invitando máis confrarías”, precisa Alén. Estas son: Confraría do viño Rías Baixas, coa que vai facerse un  irmandamento; Confraría do Pan de Broa de Avintes, Portugal; Confraría do Centolo Larpeiro do Grove; e a Confraría do Alvarinho de Monçao.

 

CATAS COMENTADAS

 

Alén encadra a actividade das catas comentadas, que se celebran o mércores e xoves da semana da festa, en que “cada día o consumidor entende máis de viño. Cada vez ten máis capacidade para decidir que viño vai consumir. Unha forma de conseguilo é participar nestas catas comentadas. Evidentemente en dous días un non sae sabendo catar viños…, pero si que capta unha serie de criterios que logo aplicándoos dá idea de por onde un cómpre que vaia. O mundo do viño é moi amplo. Son sensacións, aromas, sabores moi complexos…  Os que nos dedicamos a isto da cata non buscamos que os alumnos saiban describir un viño, todos os seus parámetros organolécticos …, pero si que diferencien entre o bo viño e o malo. A miña experiencia dime que nestas catas os asistentes son moi receptivos. E proba disto é que seguramente este ano virán alumnos que xa viñeron outros anos… Á xente gústanlle estes eventos porque son realmente construtivos e poden así falar de viño con outra xente…”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

 

Á cata para premiar os viños que presentan as adegas do Condado dáselle o título de ‘viños deliciosos’. Este termo, explica Antonio Alén, é outra forma de distinguirse como a indumentaria sendo orixinal. “Non queremos primeiro, segundo e terceiro premio. Temos tres deliciosos en varias categorías”.

 

Todas as adegas da subzona Condado do Tea preséntanse ao concurso de viño delicioso. É dicir, que as vinte e tantas adegas presentan os seus viños. Alén destaca a correspondencia, “xa que o Concello fai un grande esforzo económico ao organizar esta Festa para que as adegas e sintan arroupadas…”.

 

En canto aos premiados, a adega Viña Nora foi a que máis premios levou nos últimos dez anos, sinala Antonio Alén. E engade: “A tónica xeral é moi boa. O 90% das adegas presentan viños de gran calidade”.  E no concurso outorgar o título de Delicioso é por décimas de punto. “Hai unha gran competencia entre as adegas que aproveitan para traer os mellores viños á Festa, xa que é o momento en que os consumidores poidan probar e comentar a calidade dos seus viños”.

 

PANEL DE CATA PARA OS DELICIOSOS

 

O sábado reúnese o panel de cata proporcionado pola DO Rías Baixas, uns 15 catadores, que fai unha cata previa e logo a cata final. De aquí saen os viños deliciosos que se fan públicos o domingo tralo remate do Capítulo da Confraría do Viño do Tea e Espumosos.

 

Sobre o tinto do Condado, Antonio Alén explica “que foi un viño moi recoñecido, concretamente, no municipio das Neves, na parroquia de Rubiós. Producíase un viño plurivarietal, o célebre viño tinto de Rubiós”. Opina Alén que para os tintos en xeral en Galicia “témolo difícil, porque en España hai grandes produtores de tinto como Rioxa, Ribera del Duero…”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Nos últimos 6/7 anos en Galicia mellorouse moitísimo a calidade dos viños tintos e deuse un salto de calidade importantísimo. A subzona do Condado do Tea non se pode limitar a vender viño tinto na provincia de Pontevedra ou en Galicia. Temos que ser capaces de competir con viños nacionais e tamén ser exportables”, sinala con firmeza Alén.

 

O Gran Mestre da Confraría do Viño do Tea e Espumosos defende a subzona DO Rías Baixas Condado do Tea con argumentos baseados en datos. “En Galicia temos un gran problema coa vendima xa que estamos no límite do bo tempo. As vendimas galegas coinciden xa con choivas. Este é un gran problema non só polo traballo que dá recoller a uva senón por que hai enfermidades que se transmiten na uva pola moita humidade e a calor… Curiosamente, na subzona do Condado do Tea vendímase 15 días antes que en todas as subzonas da DO Rías Baixas. Y quince días antes cun grao alcohólico correcto e unha acidez tamén axeitada. Outro parámetro que indica a calidade da nosa subzona fronte ás outras da DO Rías Baixas é que veñen mercar uva á nosa subzona. ¡Algo ten a auga cando se bendice!”, conclúe Alén

 

En definitiva, Antonio Alén con estes datos resume que “no Condado hai a mellor calidade de uva” da DO Rías Baixas, a maiores de ter un microclima, ou ter unha terra de aluvión…

 

COMERCIALIZACIÓN

 

Sobre a comercialización desta subzona, Antonio Alén afirma sen ambaxes que “todos os adegueiros erramos ou non soubemos valorizar o noso patrimonio, o viño chamado Condado do Tea. Evidentemente producimos un albariño monovarietal que abre portas. Podes ir a calquera país do mundo e decir que vés vender un albariño Rías Baixas e todo o mundo o coñece. Pero se chegas a Minesota, EEUU, e dis que vés vender un Condado do Tea a xente queda mirandote … e di: ‘E qué iso?’. Iso é o que fixemos mal nesta subzona. Non soubemos darlle o pulo suficiente ao noso auténtico patrimonio que é o noso viño do Condado. É un gran viño. ¡É un plirivarietal, excelente! Porque a mestura do albariño, coa treixadura e o loureiro dá uns matices, nas súas condicións organolépticas, ¡impresionantes! Este foi un grande erro de todas as adegas e espero que se corrixa porque aínda se está a tempo”.

 

E a modo de conclusión, Alén remata: “Podemos seguir vendendo albariños monovarietais que hai que seguir facéndoo pero,  á vez, darlle un pulo ao noso patrimonio vitivinícola que é o viño do Condado do Tea”.

 

Antonio Alén fala con apaixón conforme discorre a entrevista. Esa apaixón vénlle de familia. Os seus avós xa eran adegueiros, os seus país tamén. “Eu aos 13 anos xa fondaba, desfondaba, lavaba, embotellaba … facía todos os traballiños que meus país …, non me obrigaban senón que me permitían facer. O mundo do viño é un mundo apaixonante, apaixonante… Pouquiño a pouco fomos medrando… montamos as adegas nas Neves que agora é Viña Nora e a verdade é que foi un pracer traballar tantos anos no viño. Se volvese a nacer, volvería ser adegueiro. Igual que, neste momento, o meu fillo, que tamén é adegueiro. É un mundo que engancha e no que levas moitos desgustos pero tamén grandes alegrías.

 

GALERÍA FOTOGRÁFICA DA CATA COMENTADA DO MÉRCORES

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1