O Parque Nacional das Illas Atlánticas acada o distintivo da Carta Europea de Turismo Sostible

P9107782O Parque Nacional das Illas Atlánticas acada o distintivo da Carta Europea de Turismo Sostible, selo da promoción e conservación deste patrimonio natural. A fundación EUROPARC, entidade xestora deste recoñecemento, vén de comunicarlle ao Parque a consecución deste selo que reflicte a vontade dos espazos protexidos, das partes interesadas locais e os representantes do sector turístico de promover o turismo de acordo cos principios do desenvolvemento sostible.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza remitiu a finais do pasado ano á Fundación EUROPARC, encargada destas validacións, o plan de acción para que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acadara a Carta Europa de Turismo Sostible.

O grupo de traballo desta candidatura, coordinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está formado por administracións, representantes de empresas, asociacións e colectivos relacionados co turismo e a promoción e conservación do patrimonio natural.

100 actuacións
Para cumprir co decálogo de principios que se establecen na Carta Europea e cos cinco obxectivos estratéxicos, os socios promoverán máis de 100 actuacións nos próximos cinco anos, que implicarán a mobilización de case 3 millóns de euros.

Entre as medidas que se propoñen levar a cabo destacan a realización de talleres de educación ambiental baseados nos produtos da pesca, a creación dun programa de rutas interpretativas, experiencias por cada un dos arquipélagos en varios idiomas, tamén unha ruta turística para o avistamento de especies de aves invernantes e mamíferos mariños no parque.

Outras iniciativas propostas son a creación dun centro de interpretación do litoral, potenciar a aula da natureza de Cabo Udra en Bueu, como punto de información e educación ambiental e a adhesión á rede de municipios Rede Terrae.

Con este conxunto de actuacións o que se pretende é dar resposta ao obxectivo de fomentar e mellorar a coordinación, a comunicación, a participación e a colaboración de todos os actores implicados na conservación e o desenvolvemento turístico do territorio. Tamén é un reto mellorar o uso e a xestión dos recursos do Parque e a calidade ambiental do territorio para lograr ser identificado como un destino turístico de calidade; así como mellorar a calidade e a sostibilidade da oferta turística e crear produtos turísticos baseados no descubrimento dos recursos naturais e culturais do Parque.

Engadir valor
Dende Medio Ambiente explícase que a obtención deste recoñecemento non só é positivo para o Parque, senón tamén para todas as empresas turísticas, xa que, entre os beneficios destaca a posibilidade de desenvolver novas oportunidades comerciais (clientelas, oferta fóra de tempada, oferta orientada cara ao descubrimento da natureza e o patrimonio cultural).

Tamén representa un valor estar situados nun espazo natural protexido distinguido en Europa como territorio de excelencia en materia de turismo sustentable e ter a posibilidade de participar activamente na planificación e desenvolvemento dun turismo sustentable no seu territorio, contribuíndo a súa protección.

Máis de 100 espazos acreditados
A Carta Europea de Turismo Sostible inscríbese nas prioridades mundiais e europeas expresadas polas recomendacións da Axenda 21, adoptadas no Cume da Terra en Río en 1992. A Federación EUROPARC, organización que reúne a espazos naturais protexidos de 39 países europeos, é a entidade xestora e garante da Carta.

Na actualidade, un total de 107 espazos naturais protexidos europeos están acreditados coa Carta nun total de 13 países, destes espazos, 38 son españois, dos cales dous son galegos, o Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés e o Parque Natural da Fragas do Eume.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada