Moaña acolle o mellor teatro amador baixo a dirección de FEGATEA

Chelo Pampillón, presidenta de FEGATEA, no centro da Mesa.

Chelo Pampillón, presidenta de FEGATEA, no centro da Mesa.

O Festival de Teatro “Móvete nas Xornadas. XV Aniversario FEGATEA” celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Daniel Castelao e na Casa da Mocidade, instalacións cedidas polo goberno municipal, e no local social  da Asociación Cultural Mulleres de Moaña, en Moaña (Pontevedra) do 18 ó 27 de setembro. O Festival conta cun orzamento de 5.000 euros, do que o 75% aportouno a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O Festival mantén o formato xa experimentado nas dúas últimas edicións (celebradas en Salvaterra de Miño e en Santiago de Compostela respectivamente), combinando as actuacións teatrais e as actividades culturais abertas ó público, coa celebración das X Xornadas de Teatro que inclúen varias mesas de debate sobre cuestións organizativas e culturais. Ademais, para celebrar o XV Aniversario da Federación, inclúe un acto de homenaxe aos grupos máis antigos.

Do 18 ó 27 de setembro, o Auditorio do Centro Cultural Daniel Castelao acollerá varios espectáculos teatrais de diferentes xéneros e dirixidos a un amplo sector de público. O día 18, o grupo de teatro Falcatrueiros de Monterroso porá en escena “Clownvento”, unha comedia para público adulto. O día 19,  A Fiestra representará o clásico “O anel máxico”, ámbalas dúas ás 22h. A obra do día 27 “A verdadeira historia de Carapuchiña” de Atrezo Teatro, vai dirixida a público familiar e a función terá lugar ás 12h. Os días 25 e 26 as actuacións correrán a cargo dun grupo portugués integrado en Comedias do Minho e outro da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León, dentro do marco de colaboración que FEGATEA mantén con estas entidades a través da Plataforma PLATTA (Plataforma Transfronteriza de Teatro Amador). O día 25, ás 21h,  o grupo Outra Cena + Coral Polifónico de VN Cerveira porán en escena “PRIMARCKA” un espectáculo de teatro musical baseado en varias lendas do Norte de Portugal. O 26, ás 20h, Esfinge Teatro (FETACYL- Castilla León) traerá o auditorioEl verbo amar”, drama para público adulto.

Un momento da rolda de prensa deste xoves na casa do Concello de Moaña.

Un momento da rolda de prensa deste xoves na casa do Concello de Moaña.

A programación cultural do Festival, inclúe, ademais, unha actividade de animación teatral dirixida especificamente a público infantil e unha sesión de lecturas dramatizadas de textos de autores galegos, casteláns e portugueses. A primeira consistirá nun obradoiro de xogos dramáticos  para nenas e nenos de  4 a 11 anos, impartido por Fanfarra Títeres que terá lugar na Casa da Mocidade o sábado 26 de 18 a 19:30h.

 

As lecturas dramatizadas serán no Salón de Actos da Asociación Cultural Mulleres de Moaña o día 27 a partir das 16h. Esta actividade, xurdiu en colaboración coa Revista Galega de Teatro (RGT), dentro do marco de cooperación establecido no 2012 coa creación da Plataforma PLATTA.  Trátase  dunha actividade que é a un tempo formativa para aqueles que a acometen e susceptible de ser mostrada aos demais en forma de espectáculo. Nela participarán ao redor de 15 actores e actrices galegos, portugueses e casteláns dirixidos por un director ou directora de cada entidade: Doro Piñeiro do grupo galego Teatro Escoitade,  Rui Mendonça e Sílvia Barbosa directores de Comedias do Minho (Portugal), e J.A. Jiménez, director do grupo Lagasca da Federación de Castela –León. As lecturas dramatizadas das obras (en castelán, portugués e galego) prepararase en obradoiros simultáneos que terán lugar o sábado 26 (todo o día ) e o domingo 27 pola mañá.

A programación do Festival (representacións, animación teatral para público infantil, lecturas dramatizadas) compleméntase coa celebración das X Xornadas de Teatro (días 26 e 27) nas que se analizan cuestións de interese para os compoñentes dos grupos federados, como a mellora da coordinación e organización internas, a adaptación da Federación ás novas demandas e necesidades conxunturais, as relacións con outras entidades culturais, especialmente co teatro profesional… Neste sentido, constitúen o marco de interacción e intercambio necesario para a constante renovación e mellora do traballo federativo.

Intégrase tamén no Festival, como actividade complementaria, a VII Mesa de Traballo PLATTA que reúne a representantes das entidades que forman a Plataforma Transfronteriza (FEGATEA, FETACYL, Comedias do Minho e RGT) co gallo de avaliar a marcha das actividades organizadas ó abeiro da mesma e de establecer a programación para os vindeiros meses.

Por outra banda, para conmemorar o XV Aniversario da Federación, organízase unha cea homenaxe ós grupos máis antigos o día 26 de setembro.

Moaña é a localidade de orixe de dous dos grupos de teatro amador fundadores da Federación, Aurín e Mulleres de Moaña, aos que FEGATEA quere agradecer o seu  labor a prol do teatro amador galego e, especialmente, a súa colaboración na organización deste Festival.

 

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 52 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ó longo dos seus 15 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa.

Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro…) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

O Festival “Móvete nas Xornadas. XV Aniversario FEGATEA” enmárcase no conxunto de actuacións que leva a cabo a Federación na busca da constante modernización e actualización do teatro amador e a creación e “fidelización” de públicos.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada