Medio Ambiente inclúe o cedro atlántico dos xardíns do Parlamento de Galicia no Catálogo galego de árbores senlleiras

Imaxe do cedro atlántico do Parlamento de Galicia.

Imaxe do cedro atlántico do Parlamento de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que se fai pública a inclusión dun novo exemplar no Catálogo galego de árbores senlleiras. Trátase dun cedro atlántico (Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carriére) situado nun extremo dos xardíns da fachada principal do edificio do Pazo do Hórreo, actual sede do Parlamento de Galicia.

A árbore, cunha altura de 21 metros, un perímetro de 4,40 metros, e un diámetro de copa duns 25 metros, acompáñase nos xardíns do edificio doutros dous exemplares da mesma especie de menor porte e idade, e doutras especies vexetais de interese, como alciprestes de Lawson, pitósporos da China ou palmeiras canarias.

A distinción como árbore senlleira deste cedro foi tamén motivada pola importancia histórica e cultural do xardín centenario do Pazo do Hórreo.

Vinculados directamente co proxecto de construción deste Pazo, coma Escola Universitaria de Veterinaria, figuran os persoeiros da política da época Eugenio Montero Ríos e Eduardo Vincenti Reguera, ambos posuidores dunha notable paixón polos xardíns e o axardinamento urbano, e responsables da incorporación en distintos xardíns galegos de exemplares de especies distintas de cedro, dos que outros dous xa se atopan incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Os cedros no Catálogo

O Catálogo galego de árbores senlleiras conta no seu inventariado con varios exemplares de cedros. A modo de exemplo, o Cedro do Líbano (Cedrus libani A. Rich) do Pazo de Lourizán, cunha idade estimada de 100 a 130 anos, é un dos exemplares de cedro máis notables de Galicia. Situado fronte ás escalinatas principias do pazo, os seus máis de 32 metros de altura e 27 metros de diámetro de copa ampla, maxestosa, e equilibrada convérteno nun dos símbolos dese notable conxunto de xardíns e edificios.

Os outros cedros catalogado son os situados nos xardíns Vincenti, en Pontevedra (coñecido tamén coma xardíns das Palmeiras). Neste caso trátase de Cedros do Himalaia (Cedrus deodora (D. Don) G.Don, cunha idade estimada de 100 anos e uns 25 metros de altura, caracterizados polos seus fustes grosos e robustos, ramificados desde moi abaixo, e outorgándolle aos exemplares unha singular forma de candeeiro.

Deste xeito, coa incorporación deste novo cedro, o Catálogo galego de árbores senlleiras posúe un exemplar de cada unha das tres especies de cedro cultivadas en Galicia.

O Pazo do Hórreo e o seu centenario

Tanto nos xardíns de Vincenti, coma no xardín do Pazo de Lourizán, así como no do Pazo do Hórreo, existe certa repetición no elenco de especies escollidas para o axardinamento, empregándose ademais das tres especies de cedros mencionados, alciprestes de Lawson, pitósporos da China ou palmeiras canarias, magnolios e camelias.

O Pazo do Hórreo foi inaugurado o 2 de outubro de 1915 para albergar unha Escola de Veterinaria, nun proxecto construtivo impulsado por Eugenio Montero Ríos e que comezou o día 25 de marzo de 1903 coa colocación no lugar da “Tenencia do Hórreo” da primeira pedra do edificio.

Entre os anos 1915 e 1924, o Pazo do Hórreo foi Escola universitaria de Veterinaria e albergou, tamén, a Misión Biolóxica de Galicia. Do ano 1925 ao 1987 o edificio pasou ter un uso de acuartelamento militar, e no ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia, comezando a funcionar como tal o día 1 de marzo de 1989.

As árbores e formacións senlleiras de Santiago de Compostela

Ademais do cedro atlántico do Pazo do Hórreo, existen outras árbores e formacións na cidade de Santiago de Compostela que se atopan incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras:
– a Perona” do Paseo da Ferradura
– os eucaliptos do Paseo da Ferradura
– os xinkgos do Pazo de Fonseca
– o tileiro prateado da Alameda do Campo da Estrela
– a carballeira de San Lourenzo,
– a buxeda do Pazo de San Lourenzo

Este feito converte á cidade nunha das principais localidades de concentración de elementos senlleiros catalogados de toda Galicia.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada