A Consellería de Cultura e Educación apoia 36 proxectos de tradución a través das axudas para o libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia un total de 36 proxectos editoriais a través da liña de subvencións ao libro para a tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas, na súa convocatoria de 2015, dotada con 200.000 euros.

De acordo coa concesión das axudas, que se pode consultar neste enlace do Diario Oficial de Galicia, dos 36 títulos que se apoian 14 son traducións ao galego de obras escritas noutras linguas, de Rinoceronte Editora, El Patito Editorial, Editorial Hugin e Munin e Urco Editora; os 22 títulos restantes son traducións de obras en galego –da autoría, entre outros, de Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Rosa Aneiros, Xurxo Souto, Rexina Vega, Miguel Anxo Murado, Chus Pato, Anxos Sumai e David Pobra– para o catalán, o castelán, o inglés, o búlgaro e o bretón, de selos editoriais como Small Station Press, Editorial Galaxia, Rinoceronte Editora e Ediciones Bromera.

Difusión da literatura galega noutras linguas
Ao abeiro destas axudas, a literatura galega difundirase a través doutras linguas coas traducións ao catalán das obras ‘Poesía última de amor e enfermidade’, ‘O neno can’, ‘A verdadeira historia da mosca da tele’ e mais ‘O meu pasadelo favorito’. A Fundación Uxío Novoneyra verterá os títulos ‘Os eidos’ e ‘Antoloxía poética’ ao inglés, idioma no que tamén estarán dispoñibles as obras ‘Os comedores de patacas’, ‘Corredores de sombra’, ‘Tic tac’, ‘O corazón de Xúpiter’ e ‘Ámote Leo A. Estación de tránsito’. As traducións ao castelán son dos títulos ‘Mércores de cinsa’, ‘A lúa da colleita’, ‘Un tipo listo’, ‘Maternosofía’, ‘As fiandeiras’, ‘O mundo secreto de Basilius Hoffmam’, ‘Contos do mar de Irlanda’, ‘Liña azul’ e ‘Dark butterfly’. As obras ‘Secesión’ e ‘Carne leviatán’ verán a luz en búlgaro, mentres que ao bretón se traducirá ‘Made in Galiza’.

Intercambio cultural
Favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutros territo¬rios e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas son os obxectivos principais deste programa de axudas á tradución que vén impulsando cada ano a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada