Conxemar, máis de 550 empresas chegadas de 36 países

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá o acto de inauguración da Feira Internacional de produtos do Mar Conxelados Conxemar 2015. No evento, no que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, Feijóo agradeceu á feira a posibilidade de “mostrar ao mundo a nosa avanzadísima industria transformadora”. Unha industria transformadora e comercializadora dos produtos da pesca na que a Xunta leva investidos máis de 110 millóns de euros nos últimos seis anos.

Nesta liña, o presidente gabou a competitividade e a eficiencia do sector e valorou a súa capacidade de ampliar mercados e reforzar a súa presenza no exterior como acredita o incremento das exportacións galegas de pescados e mariscos nun 9,2% en 2014 ou que o mercado exterior destes produtos teña superado as 210.000 toneladas cun valor económico que supera tamén os 363 millóns de euros. En relación a estas cifras o presidente esgrimiu que representan “aproximadamente o 50% do total do volume de exportacións de España de preparados, conservas e semiconservas e é case o 60% do valor económico das exportacións de España nestes sectores”.

O xefe do Executivo Galego insistiu na vontade do Goberno de continuar na aposta da internacionalización e destacou a importancia “do mellor escaparate que é Conxemar”. No que atinxe aos Fondos Europeos para o vindeiro período 2016-2020, Feijóo destacou que “no horizonte de 2020 os fondos europeos que temos para este sector estarán en torno a 200 millóns de euros”.

O titular da Xunta subliñou que a “verdadeira importancia de Conxemar está nas 220 empresas que a integran e que dan traballo a máis de de 13.000 familias e que supón unha facturación anual que supera os 6.500 millóns de euros”. Do total destas empresas, dixo Feijóo, “a metade, cerca dun centenar, atópanse en Galicia o que nos dá unha idea da importancia socioeconómica que para Galicia supón a pesca”.

Feijóo resumiu a importancia do sector pesqueiro para Galicia en que “é unha forma de vivir como pobo e un dos sectores máis arraigados coa propia identidade da nosa Comunidade Autónoma”.

Pesca sustentable, compromiso de Galicia

No acto inicial de Conxemar celebrado no IFEVI, Feijóo, deu a súa “calorosa benvida a Galicia ás máis de 550 empresas chegadas de 36 países”, aos visitantes, aos embaixadores, ao corpo consular, ao director da Axencia da Pesca, así como o comisario de Pesca da Unión Europea que asistirá esta semana, e aos representantes da FAO.

Precisamente, Feijóo puxo en valor a esta organización pola súa decisión de celebrar en Vigo o I Foro Internacional da Pesca no que se conmemorará a pesca sustentable, coincidindo co 20 aniversario do Código de Conduta. Do mesmo xeito fixo referencia ao memorando de colaboración asinado o pasado mes de setembro en Roma para colaborar no desenvolvemento de proxectos de cooperación técnica e formativa no sector agrícola e marítimo pesqueiro en beneficio de países menos desenvolvidos. “A FAO sabe que se hai algunha rexión que lle interesa o mar e colaborar con outros países para a pesca sustentable, a acuicultura e toda a industria do mar, esa comunidade é Galicia”, engadiu.

Na súa intervención, o mandatario galego resaltou a importancia que ten a pesca sustentable e que representa o “compromiso de Galicia, do pobo, das confrarías de pescadores, dos armadores, da industria e de toda a frota”. “Non traballar a favor da pesca responsable sería como morder a man que nos dá de comer”, abundou.

Feijóo rematou o seu relatorio expresando o seu desexo e convicción de que esta edición de Conxemar 2015 supere “os 26.000 visitantes da anterior, os 94 países e unha cifra de negocio de ao redor de 1.000 millóns de euros”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada