A Xunta disporá en 2016 de 430 millóns de euros máis para elevar investimentos, aumentar gasto social e levar a recuperación a todos os fogares

Alberto Núñez Feijóo presidió esta mañana la reunión de Consello de la Xunta. ANA VARELA.

Alberto Núñez Feijóo presidió esta mañana la reunión de Consello de la Xunta. ANA VARELA.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade autónoma para o 2016, as primeiras contas expansivas da Administración galega dende 2008. Así, a Xunta disporá o vindeiro ano de 430 millóns de euros máis que no actual exercicio, o que permitirá elevar os investimentos produtivos e trasladar a recuperación económica a todos os fogares a través de novas medidas sociais e baixadas de impostos.

Así, o gasto non financeiro sitúase en 8.804 millóns de euros, cun incremento do 4,3% respecto ao presente exercicio. Ademais da Lei de orzamentos, o Goberno galego tamén aprobou o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, no que se inclúen –entre outras- as baixadas fiscais no IRPF, no Imposto sobre sucesións e doazóns e no rural.

Estes orzamentos son os primeiros nos que se produce unha importante recuperación dos ingresos, froito da mellor situación económica. Precisamente, o Goberno galego revisa á alza a evolución do PIB galego para o 2016, cun crecemento do 2,5% -unha décima máis do previsto-, mentres que a taxa de desemprego seguirá baixando e reducirase case dous puntos ao longo do ano, ata situarse no 18,3%.

A Xunta disporá en 2016 de 430 millóns de euros máis de capacidade de gasto que neste exercicio, posto que ao incremento do gasto non financeiro (365 millóns) hai que sumarlle a redución do capítulo de gasto de débeda (65 millóns). Precisamente, a boa xestión do endebedamento que levou a cabo o Goberno galego permitirá diminuír o gasto en tipos de xuro en case un 20%, que se engade á baixada do 5% que se rexistrou xa este ano.

Máis investimentos e competitividade

Os Orzamentos para 2016 inclúen un importante reforzo do capítulo investidor, que medra un 14% respecto ao actual exercicio. Así, a Xunta destinará 1.417 millóns de euros a investimentos reais e transferencias de capital, 174 millóns máis que en 2015, o que permitirá consolidar a Galicia entre as comunidades con maior esforzo investidor.

En canto á mellora da competitividade, a Xunta destinará 100 millóns de euros no apoio á industrialización e a internacionalización, mentres que as partidas para crecemento intelixente aumentan un 8,1 por cento e superan os 89 millóns.

No eido sanitario, a Xunta prevé rematar en 2016 as obras do novo edificio de hospitalización do CHOU e as obras de ampliación do Hospital de Salnés. Tamén se iniciará a primeira fase do Plan director do Complexo Hospitalario de Ferrol, coa remodelación dunha planta de hospitalización, e a ampliación do Hospital da Costa en Lugo.

O emprego e o gasto social como prioridades

Entre as prioridades da Xunta para o vindeiro ano seguirá estando a creación de emprego e a mellora do mercado laboral galego. Para iso, o Goberno galego elevará un 15% as partidas para emprego, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e prestando especial atención aos colectivos con maiores dificultades.

Ademais, a Xunta aumentará en 282 millóns de euros o gasto social, dos que preto de 200 irán destinados a sanidade e educación. De igual forma, mantense a firme aposta pola atención ás persoas con máis necesidades. Para iso, Galicia vai destinar 324 millóns de euros no capítulo de dependencia, o que permitirá incorporar 10.000 novos beneficiarios. Ademais, elévase a 53 millóns a partida destinada á Renda de Integración Social (Risga), mentres que o Plan social contra a desigualdade estará dotado con 20 millóns de euros.

Entre as novas medidas figura a posta en marcha dunha achega de 100 euros por neno nado a partir do 1 de xaneiro de 2016. Esta axuda –que beneficiará 8 de cada 10 fogares-está destinada a sufragar os gastos de alimentación, hixiene infantil, roupa e outros produtos de primeira necesidade durante o primeiro ano de vida. Tamén se porá en marcha o servizo de axuda no fogar para a infancia, para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral con especial atención ao rural.

140 millóns de euros de rebaixa fiscal

A Xunta de Galicia aplicará en 2016 a maior baixada de impostos da historia da Comunidade autónoma, que terá especial incidencia no tramo autonómico do IRPF, no Imposto sobre sucesións e doazóns (ISD) e nun programa de impostos cero no rural. Estas rebaixas fiscais son posibles grazas á solvencia da Comunidade Autónoma e ao cumprimento do déficit. De feito, as contas garanten de novo o cumprimento do déficit en 2016, que será do 0,3%, o que permitirá a Galicia reducir á menos da metade o recurso ao endebedamento.

No IRPF, a Xunta de Galicia aplicará unha rebaixa de carácter progresivo que vai beneficiar o 98,5% dos contribuíntes galegos, cun aforro medio estimado de ata 380 euros ao ano por contribuínte. Esta rebaixa será maior nas rendas baixas e medias, e en todo caso situará Galicia entre as comunidades con menor tributación nestas rendas.

En canto ao Imposto sobre sucesións, a Xunta elevará a 400.000 euros o mínimo exento de tributación. Deste xeito, o 99% dos galegos non pagarán este imposto cando herden como fillos, pais, avós, netos ou cónxuxes, e o 1% restante pagará menos. Galicia sitúase tamén entre as comunidades coa tributación máis baixa neste imposto.

 

Finalmente, no ámbito rural complétase un programa de impostos cero para favorecer a actividade neste eido. Así, ningunha transmisión de predios en solo rústico pagará imposto de transmisións patrimoniais; deixará de tributar a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias; e as agrupacións de predios rústicos tampouco pagarán o Imposto de actos xurídicos documentados.

Empregados públicos

No vindeiro ano a Xunta completará a devolución do 50% restante da paga extra de 2012, tal como se comprometeu o Goberno galego. Esta devolución negociarase coas organizacións sindicais, e a intención da Xunta é efectuala no primeiro trimestre do ano.

Ademais, as retribucións de todos os empregados públicos medrarán un 1%, o que supón o seu primeiro incremento dende 2010. E o Goberno galego tamén aplicará o réxime de días adicionais por antigüidade, que acordou coas organizacións sindicais.

Esforzo en Administración local e universidades

O Goberno autonómico tamén manterá en 2015 o esforzo no financiamento da Administración local. Os concellos galegos recibirán o vindeiro ano un financiamento de máis de 116 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, coa novidade da posta en marcha dun fondo específico para impulsar a fusión de concellos.

En canto ás universidades, tamén se mantén o esforzo de financiamento das institucións académicas que se veu facendo nos últimos orzamentos. Os Orzamentos para 2016 –que ascenden ata os 392 millóns- xa recollen a suba da partida a consecuencia da aplicación do novo Plan de financiamento universitario para o período 2016-2020, que repartirá 2.480 millóns de euros. Un terzo do financiamento estará ligado a resultados.

Logo da súa aprobación hoxe no Consello da Xunta, o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade autónoma para o 2015 será remitido á Cámara galega para a súa tramitación parlamentaria, ao igual que o Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada