ATA Galicia e a Xunta queren potenciar o papel clave dos autónomos na recuperación económica de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Competitividade, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Asociación de traballadores por conta propia de Galicia-ATA GALICIA, Rafael Granados, no marco da rolda de contactos cos principais axentes económicos e sociais co obxectivo de definir e reforzar políticas activas de emprego no actual contexto económico.

Na reunión, na que Conde manifestou a súa intención de escoitar e avaliar as súas propostas, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou o papel clave que xogan os autónomos na recuperación da economía e dos datos de ocupación. Incidiu así mesmo na importancia de identificar iniciativas tanto no eido da incentivación da contratación como no da formación que permitan mellorar os datos de emprego e a calidade do mesmo, dando resposta ás necesidades do tecido empresarial.

Durante a xuntanza, lembráronse as diferentes ferramentas de asesoramento e apoio a disposición dos emprendedores e das pemes, que teñen un peso fundamental no tecido económico galego, entre as que se atopan os diferentes instrumentos de financiamento dispoñibles no programa do Igape Galicia 1000.

No eido da simplificación administrativa, supuxo un importante impulso a Lei do Emprendemento e da Competitividade, na que se suprimiron con carácter xeral as licenzas municipais de obra e actividade substituíndoas por unha comunicación previa. Ademais, proximamente activarase a oficina Doing Business, unha ferramenta pioneira que nace como unha canle áxil e directa de interlocución que permitirá escoitar a cidadáns, emprendedores e empresarios co obxectivo de simplificar e mellorar a tramitación administrativa de proxectos.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada