Voces expatriadas do Irán e de Galicia abren a séptima tempada de Poetas di(n)versos

Sholeh Wolpe. BONNIE PERKINSON.

Sholeh Wolpe. BONNIE PERKINSON.

A coidada programación poética da Concellaría de Cultura da Coruña volve por séptimo ano con novas citas mensuais que reunen poetas de Galicia e do mundo en encontros abertos e gratuítos. POETAS DI(N)VERSOS segue a demostrar ser o único ciclo estable que inclúe poetas internacionais de xeito regular en toda España, e comeza de novo a incrementar a nómina dos máis de oitenta poetas que xa teñen pasado ante o seu nutrido público.

O trimestre de outono, cunha programación do máximo nivel literario no panorama internacional, ábrese este vindeiro luns 26 cun recital do galego Vicente Araguas e da iraniana Sholeh Wolpé, no caso da última seguida de traducións ao galego. Terá lugar no Ágora da Coruña ás 20:30h do serán, aberto e gratuíto para todo o público interesado. Tras o acto –de aproximadamente unha hora- haberá a posibilidade de adquirir os volumes dos convidados e conseguir neles algunha sinatura. Un xeito de entrar en contacto coa mellor poesía de Galicia e do mundo na voz dos seus propios autores, capaz de sorprender tanto a expertos coma aos leigos.

O primeiro dos nove novos recitais do ciclo dirixido por Yolanda Castaño reunirá dúas voces poéticas expatriadas. Araguas e Wolpé continúan a cantar a súa orixe e pertenza, por moito que Madrid non sexa Xuvia nin California sexa o Irán. El naceu en Neda e converteuse en escritor en galego vivindo en Escocia, para acabar instalándose definitivamente en Madrid. Logo de catro décadas como residente, hoxe Araguas é cabeza visible da literatura e a crítica literaria galegas exercidas dende a capital do Estado.

Vicene Araguas.

Vicene Araguas.

Ademáis de escritor de fondo, tradutor, columnista e docente, Vicente Araguas é doutor en Filoloxía Inglesa cunha tese arredor do mundo poético de Bob Dylan. Pola súa banda, Sholeh Wolpé naceu no Irán e pasou a meirande parte da súa adolescencia en Trinidad e Gran Bretaña antes de se instalar nos Ánxeles (California). É autora de tres libros de poesía, tres de traducións e editora de tres antoloxías, unha delas reunindo voces americanas da protesta e as outras de literatura persa. Grande tradutora do parsi para o inglés, ocupouse tanto de obras como a do poeta místico persa do século XII Attar, como da fascinante poeta iraniana do século XX Forugh Farrokhzad, polo que ten recibido prestixiosas bolsas e galardóns.

A que fora galardoada como a Mellor Iniciativa Cultural nos Premios da Crítica Galicia do pasado ano continuará coa súa seguinte cita só unha semana despois, acabado de inaugurar o mes de novembro.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada