En galego e polaco: dúas das voces máis importantes da poesía galega e mundial en poetas di(n)versos

O polaco Adam Zagajewski.

O polaco Adam Zagajewski.

Con só unha semana de intervalo logo do recital que abrira o ciclo o pasado 26 de outubro, a sétima edición de POETAS DI(N)VERSOS segue a presentar unha programación do máis alto nivel literario. As citas mensuais coa flor da poesía galega e do resto do mundo continúan xa este próximo luns ás 20:30h no Auditorio do Centro ÁGORA, baixo o patrocinio da Concellaría de Cultura da Coruña e –nesta ocasión– coa do Instituto Polaco de Cultura.

Este novo encontro, coma sempre aberto e gratuíto para todo o público interesado, terá arredor dunha hora de duración e ofrecerá a posibilidade de adquirir os títulos dos convidados e levar neles unha sinatura. O contacto directo cos versos recitados na voz dos seus autores sorprenderá a propios e estraños co seu poder de conexión.

Constituíndo o único ciclo regular que convida poetas internacionais en toda España, POETAS DI(N)VERSOS reunirá nesta ocasión a dúas das meirandes e máis recoñecidas voces da poesía galega e mundial respectivamente: o santiagués Salvador García-Bodaño e o polaco Adam Zagajewski. Se o primeiro acadara o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural, o segundo foi candidato ao Nobel de Literatura en 2010. Os seus textos soarán sobre o escenario do Ágora en idioma polaco orixinal, seguidos das traducións ao galego preparadas para a ocasión –como vén sendo habitual- pola responsable do ciclo, a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño. Logo dos máis de oitenta escritores que teñen pasado por un ciclo que fora galardoado nos Premios da Crítica Galicia como mellor Iniciativa Cultural do pasado ano, por primeira vez un poeta polonés amosa o seu traballo ao público galego. Previsiblemente, un público abondo menos minoritario do que cabería esperar, gozará dos versos de dous poetas da maior consideración nos panoramas galego e internacional.

Salvador García-Bodaño.

Salvador García-Bodaño.

O veterano Salvador García-Bodaño, xa todo un clásico galego en vida, é membro da Xeración das Festas Minervais e un dos grandes poetas de Compostela de todos os tempos. Dende a posguerra ven desenvolvendo unha vizosa actividade cultural, política e literaria, e hoxe é académico de número da Real Academia Galega. A súa espazada pero moi recoñecida obra acadou outros galardóns como o Premio da Crítica Española ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago. Pola súa banda, Adam Zagajewski é un dos poetas de maior relevo do panorama contemporáneo a nivel global. Nado na vella Galitzia dos Cárpatos, tras anos exiliado logo de opoñerse ao réxime comunista polonés, reside hoxe de volta en Cracovia. Á vez, o máis célebre poeta de Polonia é profesor visitante na Universidade de Chicago, e conta con máis dunha ducia de títulos traducidos ao castelán –a maioría deles no selo de Acantilado–.

A seguinte cita mensual non terá lugar ata o luns 14 de decembro, coa romanesa Ana Blandiana e o poeta da Costa da Morte Miro Villar.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada