Conde salienta a colaboración de Galicia co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga

Conde salienta a colaboración de Galicia co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.

Conde salienta a colaboración de Galicia co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a importancia da colaboración de Galicia co Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga-INL para impulsar proxectos nos que participen universidades e centros tecnolóxicos galegos, permitindo así aproveitar o efecto tractor do INL para mellorar a capacidade innovadora da comunidade. Conde participou nunha xornada celebrada na sede do laboratorio, durante a que tratou co director xeral do INL, Lars Mortelius, a próxima posta en marcha varios proxectos de innovación no que participarán distintas institucións galegas.

Conde avanzou o impulso a 4 proxectos que permitirán a colaboración do INL coas tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos Anfaco-Cecopesca e Instituto Tecnolóxico de Galicia, ademais do Sergas e a Fundación Ramón Domínguez. “O INL ten moito que dicir na colaboración coas universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas” para trasladar este coñecemento ao tecido produtivo galego, sinalou Conde, e neste senso resaltou que os proxectos “teñen unha vinculación moi directa co tecido produtivo”. Estes esforzos sumarán 40 empregos de alta cualificación, e buscan avances en eidos como a nanomediciña, o control e tratamento de augas ou os alimentos saudables.

En concreto, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) lidera o proxecto Waternanoenv, no que toman parte tamén as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e que ten como obxectivo poñer os últimos avances nanotecnolóxicos ao servizo do control do ciclo integral da auga. A iniciativa busca mellorar a detección temperá de contaminantes mediante novos nanosensores, que sexan quén de detectar cianotoxinas nas augas procedentes de encoros.

Outro dos proxectos é Cronn, liderado pola Consellería de Sanidade e que ten coma finalidade a creación dun nodo de investigación preclínica e clínica en nanomediciña. O proxecto busca combinar as capacidades e coñecemento do INL coa rede de fundacións biomédicas, institutos de investigación e hospitais galegos, para ofrecer á industria farmacéutica e biotecnolóxica servizos avanzados en probas médicas e ensaios.

A terceira iniciativa é o Inventa-2, que pon o foco na elaboración de nanoestruturas para o tratamento e a diagnose do cancro e do ictus. Impulsada pola Fundación Ramón Domínguez, este proxecto ten como obxectivo final a redución dos custos asociados aos tratamentos e coidados que requiren ambas enfermidades, mellorando a calidade de vida dos pacientes. Con este fin, se desenvolverán sistemas de seguimento de células clave e novos produtos sanitarios co potencial de xerar novas empresas de base tecnolóxica. O último dos proxectos está liderado polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca, e ten como finalidade o aproveitamento dos recursos mariños para a obtención de compostos bioactivos e o deseño de alimentos funcionais para un envellecemento saudable.

De cara a futuro, o conselleiro sinalou que se está a analizar a posta en marcha doutro grupo de proxectos nos ámbitos biomédico, enerxético, alimentario, ambiental e do transporte.

O conselleiro gabou o rol que INL xa está a ter para a economía galega, “una gran infraestrutura científica que está a poñer a Galicia e o Norte de Portugal no mapa global da nanotecnoloxía”; que se configura como o berce dunha nova xeración de investigadores, enxeñeiros e traballadores cualificados; e que –sinalou Conde- será unha das pancas que, a través da colaboración con universidades, centros tecnolóxicos e empresas galegas, permitirá implantar a Industria 4.0 en Galicia.

RIS3
Debido a esa importancia, Conde resaltou que Galicia a incluíu a nanotecnoloxía como unha das máximas prioridades na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3, que a recolle como clave para o impulso ao reto de transformar o modelo industrial galego, ou na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), que a recolle como unha tecnoloxía transversal clave a todos os desafíos que se plantexa.

Ademais, a nanotecnoloxía está incluída como un dos elementos fundamentais do Plan Estratéxico de Galicia 2020, que recolle o impulso a un polo de excelencia internacional en torno ao INL, con especial atención aos ámbitos agro-alimentario e da saúde.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada