Unha aplicación web permite navegar pola muralla medieval que rodeaba a cidade compostelá

Fonte da Porta do Camiño.1919.

Fonte da Porta do Camiño.1919.

A aplicación web da muralla de Santiago de Compostela, desenvolta polo Consorcio de Santiago en colaboración co Concello compostelán, volve estar plenamente operativa. Permite navegar e coñecer mellor a antiga muralla medieval que rodeaba a cidade.

Os arquitectos do Consorcio responsables desta iniciativa son Pablo Tomé e Idoia Camiruaga. Explican que é unha guía para descubrir que a cidade segue amurallada. “Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, estivo delimitada e defendida por unha muralla. Non obstante, sobre todo nos últimos decenios, pensouse que levaba destruída máis dun século. En realidade consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas. Ademais, consérvase a súa traza” -sinalan-.

Froito de diversas investigacións, hoxe posúese moita información sobre o aspecto da antiga muralla e é posible localizar algunhas das súas partes. Así, esta aplicación recolle o resultado dos últimos traballos levados a cabo polo Concello de Santiago. E pode visualizarse tanto dende un ordenador como dunha tableta ou un smartphone.

A aplicación proporciona planos e información sobre a historia da muralla: a súa orixe, significado, características, usos e a súa evolución ao longo dos séculos, xa que se derrubou de xeito paulatino durante a segunda metade do século XVIII e no XIX. Tamén se recolle unha galería de mapas, planos de detalle da construción, fotografías antigas da cidade e imaxes actuais do casco histórico, debuxos e mesmo sons e vídeos do fluír de Compostela en diferentes momentos do día, ou un puzzle que permite construír a muralla, entre outras posibilidades.

“É un complemento informativo sinxelo, tanto para os composteláns como para os visitantes, para coñecer a cidade e indagar na información histórica e documental que se conserva” -salientan os arquitectos-. Dispón dun mapa que propón dous percorridos pola muralla, un deles accesible dende o punto da mobilidade, e todos os iconos marcan elementos especiais da ruta, relacionados cos actuais espazos urbanos. Ademais, a muralla pódese percorrer en galego, castelán e inglés.

VISITE A WEB

FOTOGRAFÍAS antigas da cidade que se recollen na aplicación

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada