Isabel Dans: “Conversacións é un libro que dá voz ás mulleres, aos sacerdotes, aos universitarios”

Dans fai o V de voz para subliñar a interpretación do contido do libro

Dans fai o V de voz para subliñar a súa interpretación do contido do libro

Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer é “o libro dun santo. As conversas [con xornalistas de todo o mundo] que reproduce son as propias dun home de cultura, dun home de fondo, pero tamén dun corredor cara ao ceo”.

Así define a tradución ao galego de Conversacións a profesora Isabel Dans na presentación do libro na que estivo acompañada da tradutora, Araceli Filgueira, e do editor, Rafael Silva, presentados por Ricardo García, na viguesa Casa do Libro o xoves, 26.

Interpretando o texto, Dans destacou “o V de voz” en varios ámbitos porque o libro dá voz a distintos colectivos. Primeiramente dá voz “á muller, dando visibilidade no 68 ao traballo doméstico”. Para a profesora universitaria trátase dun adianto con relevo xa que o Catálogo de Certificacións Profesionais é de hai 7 anos e aínda está sen desenvolver. “Escrivá de Balaguer pelexou e pelexou para o recoñecemento do traballo doméstico. Estase aínda nesa conquista en España … pero o Opus Dei está en todo o mundo”. Neste sentido, insistiu no pulo do Fundador do Opus Dei para que a muller acadase a formación axeitada”. Animando a mulleres a ter unha formación superior, cando a Universidade era case una exclusividade dos varóns.

Deu Voz tamén aos sacerdotes. No 68, metidos de cheo na crise posconciliar. “Eu penso que continúa hoxe pero non por eles, senón polos medios [de comunicación] porque hai contra eles unha persecución mediática, un verdadeiro acoso”, sinalou.

Conversacións tamén dá voz ós universiarios pola “confianza” que depositou san Josemaría neles. Proponlles “o servizo á sociedade” e ser “gardiáns“ dela,  confiándolles a resolución dos problemas máis graves (desigualdade, relevo social) .

San Josemaría Escrivá de Balaguer tamén, segundo a profesora Dans, dá voz no libro Conversacións á “pluralidade” tanto dentro da Igrexa coma fóra no espazo público, “lexitimando ós colectivos máis vulnerables”.

E finalmente, o ‘V’ tamén de “verdadeiro. O que dicía, facíao con feitos”.

Por outra parte, Isabel Dans, así mesmo, cualificou a Escrivá como “un pai do xornalismo” xa que  impulsou a fundación da primeira escola de Xornalismo en España na Universidade de Navarra, cando a “liberdade de expresión e prensa non era un dereito. El sempre conservou ese argumento en prol da liberdade”. E citou este texto de Escrivá no libro Conversacións: “É difícil que haxa verdadeira convivencia onde falta verdadeira información. A información verdadeira é aquela que non ten medo á verdade”.

Por iso, conclúe Dans que o libro Conversacións “é un canto á liberdade”. Conversacións, afirmou noutro momento, é unha obra para todos os públicos que xorde de preguntas de comunicadores e para comunicadores. Á vez,“é un libro aberto, non [escrito]para un público específico”. Engade a relatora que neste libro Escrivá “non lle fala aos seus, os do Opus Dei, senón a calquera dos que queiran escoitar”.

E o seu fondo é vixente en temas como os da Igrexa e os de cuestións sociais como a muller. Precisa Dans que “a muller non é un colectivo. Somos a metade da poboación”. Ademais, san Josemaría trata o varón e a muller como “únicos e insubstituíbles cada un deles”.

As 7 entrevistas que recolle Conversacións realizáronse entre os anos 1966 e 1968, a medios de todo o mundo, porque o Opus Dei tamén era internacional, observa Isabel Dans. A xente, en distintos países, preguntábase que era o Opus Dei.  É o momento, “cando san Josemaría se decide a darse a coñecer aos medios [de comunicación]”, explica Dans.  “É un momento vital. Remata o Concilio Vaticano II no que hai unha aposta polas lingua vernáculas [para o culto]. En Galicia elíxese o castelán”. A profesora Isabel Dans destaca que ata 1987 non se traduce e se celebra co primeiro misal en lingua galega.

Dans cre que o libro titúlase “conversacións con…”, en lugar de “entrevistas con…”  porque é “no diálogo onde intercambiamos os nosos puntos de vista. No diálogo é onde se atopa a plataforma aos valores comúns”. Para a profesora a conversa permite a “pedagoxía da confianza ao escoitar o outro”. Así é “en conversa cos xornalistas que lle fan preguntas directas e ás veces forte onde imos descubrindo o seu perfil, as súas opinión e valorando a situación social”.

As entrevistas foron feitas con cuestionario e como non todos os medios de comunicación publicaron completos os textos aos que contestou San Josemaría, el decidiu publicalas íntegras nun libro.

FILGUEIRA

A tradutora da obra, Araceli Filgueira, manifestou que “a min fíxome moita ilusión que me pedisen que traducise ‘Conversacións’ porque así temos na nosa lingua un texto que estaba traducido a moitísimos idiomas e que faltaba no noso”.  Ademais, Filgueira afirma que faltaba un libro na nosa lingua cun formato de entrevistas xornalísticas no que distintos comunicadores manifestan todas as preocupacións do seu tempo.

Un libro –Conversacións- que se publica en castelán no momento en que en Galicia saía do prelo Camiño e outro libro importante que era un misal-devocionario que publicou a editorial Setep. Ao mesmo tempo, en 1968, publicábase a primeira misa para cantar composta por Igrexas Vilarelle.

Araceli definiu a lingua de Escrivá en Conversacións como “lingua clara, viva e chea de matices”. Por iso, “non sempre me foi doado encontrar a verba axeitada”.

“Un traballo que fixen con mimo, unha responsabilidade grande”. Traducilo serviulle para “descubrir a riqueza deste libro” e, á vez, “abriume novos horizontes”.

O EDITOR

O libro de Conversacións “ten un interese relixioso, cultural e social” afirmou o editor e teólogo, Rafael Silva fundador da editora Follas Novas. Coa súa publicación, “incrementouse o fondo editorial de Follas Novas, á vez que contribúe a aumentar a presenza da lingua en ámbitos doutrinais de prestixio”, engadiu. Finalmente, Silva sinalou a universalidade de Escrivá de Balaguer.

Enlaces de interese: web do Opus Dei en galego.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada