Galicia suma 25 meses consecutivos de baixada interanual do paro rexistrado

Galicia pechou o mes de novembro cun total de 225.158 persoas desempregadas, o que supón un incremento do 1,38 por cento (+3.066) con respecto ao mes de outubro. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou que “aínda que a valoración intermensual non é positiva, algo habitual no mes de novembro, Galicia mantén a boa evolución interanual do paro rexistrado”.

Neste senso, na evolución interanual –de novembro a novembro-, a Comunidade autónoma contou con 23.474 desempregados menos que hai un ano, o que representa unha baixada do 9,44 por cento. Toca subliñou que “levamos algo máis de dous anos de descensos interanuais consecutivos”, en concreto, 25 meses seguidos, ao tempo que resaltou que é o terceiro ano consecutivo no que se reduce o paro rexistrado nun mes de novembro de xeito interanual. “Estes datos demostran o cambio de tendencia na evolución do paro rexistrado e supón, polo tanto, unha mellora progresiva do comportamento do mercado laboral”.

Grazas a esta evolución, a secretaria xeral de Emprego subliñou que “Galicia volve a niveis de paro inferiores aos de hai cinco anos”. De feito, estes datos interanuais constitúen a maior redución interanual dun mes de novembro en termos absolutos de toda a serie histórica –estatísticas publicadas desde 1996-.

Ademais, Toca resaltou que o paro rexistrado presentou un comportamento mellor que o Estado en termos interanuais cunha diferenza de 1,4 puntos con respecto á media nacional. Así, en termos interanuais, o paro en España baixou nun -8,04%, mentres que en Galicia o descenso foi do -9,44 por cento. Deste xeito, a secretaria xeral indicou que “Galicia sitúase por riba da media estatal a nivel interanual”. No Estado o número de persoas sen emprego situouse en 4.149.298.

Por sectores, o incremento do paro concéntrase de novo no sector servizos (+1.747). A continuación sitúase, aínda que con diferenza, a construción (+426), seguida pola agricultura e a pesca (+392), a industria (+251) e o colectivo sen emprego anterior (+250).

Por provincias, o desemprego subiu en todas elas, agás en Pontevedra, onde diminuíu en termos absolutos 241 persoas, un 0,27 por cento menos que no mes anterior. Na Coruña aumentou en 1.674 persoas, seguida de Ourense con 849 persoas máis e de Lugo con 784.

Na evolución dos contratos, é preciso sinalar que a afiliación interanual aumentou nun 2,20 por cento, isto é, 20.470 afiliacións máis, o que representan vinte subidas consecutivas desde o mes de abril de 2014 nas que Galicia rexistra unha interanual positiva. “O crecemento estase a consolidar”, rematou Toca.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada