Luís Paadín: “O mellor escaparate para atopar un espumoso é a 2ª Festa do Viño Espumoso en Salvaterra de Miño”

Luis Paadín, experto en viños espumosos.

Luís Paadín, experto en viños espumosos.

Luís Paadin é, primeiro, un apaixonado dos viños espumosos , e logo un experto. Editor da ‘Guía de Vinos, Destilados y bodegas de Galicia’ da que está a piques de saír do prelo a cuarta edición. Nestes intres, presidente da Asociación Galega de catadores e a Asociación de Sumilleres de Galicia ‘Gallaecia’. Ademais, é Máster en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo.

A súa presenza na 2ª Festa do Viño Espumoso da DO Rías Baixas en Salvaterra de Miño será todo un luxo para explicar, na noitiña do sábado 5, distintos sistemas de elaboración de espumosos desde os da nosa DO Rías Baixas ata os champagnes e cavas e outros sistemas que os asistentes a esta actividade poderán probar. “O sistema de elaboración marca a calidade do espumoso. O método tradicional dá a máxima”, explica Paadín.

O domingo pola mañá, os asistentes á 2ª Festa do Viño Espumoso poderán ver degüelle a sable napoleónico co mesmo método que empregaban os soldados franceses para abrir as botellas sen se baixar da súa cabalgadura.  “Isto farao o meu fillo Alejandro que é campión  embaixador do Champagne en España”, precisa.

Así mesmo, haberá un brinde no que Paadín vai falar de harmonías cos espumosos.

Na tarde xa do domingo, baixo a dirección de Luís Paadin vaise celebrar unha cata de todos os viños espumosos expostos na feira. “Será unha cata profesional pero con xente afeccionada”, precisa. Cada panel dirixido por un profesional de cada unha das mesas. “Todos os participantes poderán catar todos os espumosos en cata cega. Despois a todos os participantes enviaráselle unha ficha cuberta con todas as puntuacións, as medias e con todos os espumosos que probasen nesa tarde noite do domingo ”.

O ano pasado, na primeira edición da Festa do Viño Espumoso, Luís Paadín confesa que se emocionou. “Para min resultou emocionante. Estaba subido ao estrado. De súpeto botei unha ollada e albisquei todas as mesas con botellas de espumosos, coas copas apropiadas… Iso foi para min inédito, novidoso en Galicia. Teño ido a moitas e grandes festas do champagne, na rexión de Champagne,  e béboo habitualmente … e tamén con cavas… e alí semella normal, pero aquí que todas as mesas brindasen comigo… cos espumosos Rías Baixas foi unha sensación moi potente…”, recorda aínda afectado.

 

Luis Paadin.

Luís Paadin.

Que tan só 10 adegas da DO Rías Baixas elaboren espumosos, entre as 180 adegas, para Paadín ten unha explicación. “Aínda levamos pouco tempo. Para nós competir con cava é imposible.  O quilogramo de uva de cava está nun prezo de 0,40 céntimos, mentres que aquí o quilo de uva pagouse a 1 euro. Por iso, non poderemos competir na vida en prezo. Tampouco co Champagne que se pagou a 5,80 euros o quilo de uva. Aquí tamén sería difícil. Teñen uns produtos moi elaborados con longas crianzas. Galicia está aínda nun proceso de adquirir experiencia –sempre positiva- que están realizando as adegas da DO Rías Baixas. En xuño deste ano houbo unha cata de espumosos no Castelo de Salvaterra e levamos unha grata sorpresa. Viñeron técnicos de todos os consellos reguladores de Galicia e de zonas limítrofes (Bierzo, Toro, Zamora…). Quedaron todos moi convencidos de que temos que comercializalo. Falta moito camiño por andar…Eu non digo que os espumosos da DO Rías Baixas sexan a solución, pero é un camiño máis, unha porta aberta… Todas as denominacións de orixe do mundo que eu coñezo elaboran unha parte pequena de viños espumosos.  ¿Por que nós non imos facer o mesmo? Temos unha caste marabillosa que ten moitísimas posibilidades para elaborar un espumoso de calidade; uns solos con moita filtración para poder facer unha uva axeitada… O meu entender é que o problema estriba en que estamos facendo as cousas un pouco de présa e aos espumosos nótaselle a súa calidade cando pasan os anos por eles. Os viños que se están elaborando por riba dos 18 meses son os que están a coller calidade e é o camiño a seguir”.

Paadín cre que a cultura dos espumosos no consumidor é aínda moi limitada. “Eu estiven este ano na rexión de Véneto e Venecia, en Italia, onde se elaboran os proseccos (viño branco italiano). Había catro anos que non estaba alí. E levei unha gran sorpresa. Vin, en todas partes, a xente nova coas champagneiras tomando os proseccos, cando hai catro ou cinco anos estaban a beber cervexa. Foron quen de mudar e ese proxecto estase a vender por todo o mundo. Por tanto, se eles poden, nós tamén. Por outro lado, hai un dato extremadamente positivo: nestes momentos a bebida que máis se está a vender en todo o mundo, despois da auga embotellada, son os espumosos. Así que o que máis crece é o viño espumoso. Por iso, a Organización Internacional da Viña e o Viño, OIV, xa fixo un congreso sobre os espumosos. En todas partes están indo a máis. É unha tendencia que non sabemos o que durará pero é a realidade actual. Iso si, temos que gastar moito esforzo en promocionalo e explicalo. Hai uns anos todo o mundo brindaba co espumoso ao remate da voda. Agora hai moita xente que empeza co brinde de espumoso e segue con el. Eu son quen de xantar moitas veces con espumoso. Non con espumosos doces senón con secos. Non é doado o cambio nos consumidores pero aí está o camiño. O espumoso é unha bebida perfecta para un aperitivo como unas ostras. Ademais, dise dos viños que son seres vivos e isto no caso dos espumosos vese máis porque a copa salta á vista que está viva. É, por outra parte, a mellor maneira de recibir a alguén cando entra nunha casa e non sabe que facer coas mans… Cando lle dan a copa, reláxase e comproba que aquilo ten vida, está fresquiño…”.

Luís Padín á hora de falar das súas preferencias en espumosos non ten inconveniente en manifestarse partidario do champagne. “Por moitos motivos, entre eles, pola súa diversidade. Coñecemos a palabra champagne, pero non coñecemos o que hai detrás. Eu tiven a fortuna de ser o primeiro embaixador do champagne  e coñecelo ben. Hai 5.300 adegas de champagne. Como moito poderíamos citar 60, 100 ou se me apuras 200 delas. ¡Son 5.300! Todo un universo. Isto permite ter unha variedade enorme. Dise da DO Champagne que é a única no mundo que tería un champagne axeitado para harmonizar con calquera alimento. Eles xogan principalmente con tres variedades, dúas delas tintas, que dan moito xogo. Viños máis tranquilos, sosegados… como un Bande Noire elaborado só con variedades tintas… pódese xantar perfectamente carne. Eu teño desfrutado de becada, un dos meus pratos predilectos, cun champagne Pinot Noir dunha anada con 10 anos e desfrutar enormemente con el”.

Animamos a Paadín a invitar os lectores de Grupo ES. á  2ª Festa do Viño Espumoso en Salvaterra de Miño. Para este experto e apixonado do mundo dos espumosos “non se concibe que habendo unha oferta como a da Festa do viño Espumosos en Salvaterra de Miño non se asista. Temos unha oferta dunhas 200.000 botellas de espumosos elaboradas  -por cálculos que teño feito con datos de adegas-, e sería un craso erro ir buscar espumosos de afastadas terras tendo este mercado para as festas de Nadal”.

Comezar e continuar cun espumoso da DO Rías Baixas sería ideal para Luís Paadín. “O mellor escaparate para atopar un espumoso é a 2ª Festa do Viño Espumoso en Salvaterra de Miño”. E razoa: “non só é un espumoso galego Rías Baixas, senón que o consumidor pode dicir: ‘Este é un espumoso galego DO Rías Baixas que eu escollín alí probando todos estes espumosos. Isto é o que eu quero para miña empresa, para os meus empregados o para o meu agasallo’. A cita, a mellor, é ir alí ou ben preguntarme a min que os vou probar todos os espumosos”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1