Salvaterra recupera as súas pesqueiras ‘Maximina’, ‘Bucheira’ e ‘Mon’

Pesqueira de Salvaterra de Miño.

O arquitecto e director das obras de restauración das tres Pesqueiras do Río Miño en Salvaterra explícalle a primeira tenente de alcalde, Marta Valcárcel en que consistiron as obras efectuadas nas mesmas.

O proxecto de restauración de tres Pesqueiras, en Salvaterra de Miño, coñecidas popularmente na zona como ‘Maximina’, ‘Bucheira’ e ‘Mon’ enmárcase dentro dun gran proxecto. Primeiro de a investigación, porque se pretende recoller información para elaborar un catálogo das pesqueiras aínda existentes no municipio, coa súa localización e características particulares. Deste xeito, quénrese acometer, con criterios análogos, as próximas intervencións que se van realizar que procuran ademáis da súa valorización, consideralas como elementos potenciais integradores no percorrido do futuro paseo fluvial que se pretende levar a cabo en toda a marxe do Río Miño.

O segundo obxectivo é a de intervención e recuperación destas tres pesqueiras, con diversas patoloxías, localizadas río arriba, comezando no paseo fluvial, baixo o Castelo de dona Urraca. As propias singularidades destas construcións fanas altamente interesantes para os visitantes, xa que as pesqueiras do Miño son construcións de grandes perpiaños de pedra que se internan no río, e que teñen a súa orixe durante a colonización romana, co fin da pesca de lampreas, salmón, sábalo e outras especies que remontaban o río e que tiñan unha estratéxica situación. As pesqueiras están formadas por un muro de pedra ou varios, que roldan os tres metros de espesor denominados “poios” ou “pescos”. Estas pesqueiras localízanse durante 30 quilómetros do curso fluvial dende Salvaterra a Crecente, tanto na beira española como na portuguesa, chegando a ser 700 das apenas 300 que se conservan na actualidade.

As pesqueiras de Salvaterra son xeralmente dun só pesco perpendicular ao muro, cunha lonxitude de aproximadamente os 20 metros levantándose 6 metros dende o fondo, xeralmente sobre unha rocha, construiídas en cachotería concertada en seco, con grandes perpiaños entrelazándose sen máis unión que as propias pedras, algo menores con respecto ás das zonas máis altas.  Tamén a forma de pesca das pesqueiras varía das zonas altas á utilizada en Salvaterra, aquí úsase a “rede cabaceira”, consistente nunha rede larga que se empregaba lastrada con pedras e pendurada de boias flotantes. A malla lárgase en pozos e remuíños próximos á pesqueira, e traballa flotando.

Este proxecto de restauración e valorización do noso patrimonio é unha acción máis encamiñada á promoción e divulgación do municipio salvaterrense.

As pesqueiras son unha herdanza que van pasando de pais a fillos, e foron e seguen sendo a base económica de moitas familias, pola importancia especialmente da pesca da lamprea, a raíña do Río Miño, que se captura nos tres primeiros meses do ano e que atrae moitas persoas a visitarnos  para degustala nos restaurantes da zona, nas súas diferentes formas, á burgalesa, asada, rechea, entre outras.

O Concello segue a traballar na recuperación do seu patrimonio histórico–artístico como fixo coa adquisición das Murallas e Castelo da Raíña Dona Urraca e a súa posterior rehabilitación.

Pequeira de Salvaterra.

Pequeira de Salvaterra.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada