Ángeles Vázquez reitera no Parlamento o compromiso da Xunta a prol do sector lácteo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, insistiu esta tarde no Parlamento en que a Xunta segue a traballar a prol do sector lácteo, contando con todos os axentes deste eido, dende o produtor ata o consumidor. E explicou que, entre outras cousas, o fai a través de multitude de axudas para dotar de liquidez aos gandeiros e con medidas normativas para dar transparencia á cadea de valor.

A conselleira centrou boa parte da súa intervención no pleno da Cámara –en resposta a unha interpelación sobre este tema– en dar conta das diferentes axudas habilitadas pola propia Xunta, o Goberno Central e a Unión Europea para este sector. Entre elas destacou as achegas da Política Agrícola Común (PAC), as destinadas pola UE a dotar de liquidez ás granxas e as axudas excepcionais habilitadas polo Magrama. Todos estes fondos, dixo, supoñen un montante total que rolda os 119 millóns de euros, dos que están a beneficiarse os agricultores e gandeiros galegos neste final de exercicio.

E engadiu que precisamente hoxe mesmo a Xunta comezou tamén a pagar axudas por valor de 28,2 millóns de euros correspondentes ás subvencións por vacas nutrices e ás devanditas achegas de liquidez da Unión Europea, así como ás acopladas do sector lácteo.

Acordo lácteo
Na súa intervención parlamentaria, Ángeles Vázquez defendeu tamén os efectos positivos colleitados polo Acordo lácteo tanto na evolución dos prezos como na mellora da transparencia na cadea de valor do leite. Así, indicou que este documento, asinado entre os diferentes axentes do sector, permitiu frear a tendencia á baixa dos prezos e mesmo incrementalos, aínda que menos do desexado, matizou.

Ángeles Vázquez lembrou ademais, no campo da transformación, os avances logrados con operacións como a de Clesa ou a máis recente de Lasurgal, e avanzou que a empresa García Baquero está a traballar tamén para mellorar a súa internacionalización, partindo das súas instalacións na nosa Comunidade.

Transparencia

No eido da transparencia e estruturación do sector, a titular de Medio Rural destacou avances como o adianto na publicación do Real Decreto de cesión de prezos, que se atopa na súa fase final de información pública e explicou as achegas de Galicia a este documento. Entre elas salienta a proposta de que as comunidades autónomas teñan acceso á información sobre prezos, co fin de utilizar eses datos na toma de decisión para a protección, fomento e regularización de todos os elos da cadea alimentaria.

Por outra banda, a conselleira lembrou tamén o acordo, no seo da Interprofesional Láctea (Inlac), para a posta en marcha dun contrato tipo homologado. E tamén, como terceiro elemento clave de estruturación do sector, referido á regulación dos primeiros compradores, no sentido de reclamar, por parte da Xunta, un maior control da súa actividade e maiores garantías para os gandeiros nas súas relacións contractuais.

Ademais, Ángeles Vázquez afirmou que no contexto do Acordo lácteo desde a Xunta impúlsase un Plan Estratéxico de Fortalecemento do sector, coa participación de todos os axentes da cadea de valor do leite en Galicia. Este plan, dixo, ten como finalidade concitar os esforzos de todos eses actores, e de propio Goberno galego, para garantir un seguimento puntual e exhaustivo, de presente e futuro, dos seus principais indicadores.

En relación coa transparencia no sector, a conselleira sinalou que por parte da Xunta e a Administración Central existen expedientes abertos a industria e distribución, por determinados incumprimentos neste eido.

Por último, a conselleira sinalou que, no eido da promoción, a Xunta está a reforzar a presenza do selo Galega 100% en diferentes ámbitos e deu conta da multitude de xuntanzas de traballo mantidas desde a súa toma de posesión con todos os representantes do sector e das administracións públicas involucradas no seu desenvolvemento, como a que tivo esta mesma tarde con representantes dos gandeiros de Lugo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada