Grandal e Valcárcel reciben ao profesor alemán Geiseler que vai pasar unha estancia profesional no IES Salvaterra de Miño

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

(de i a d) Demetrio Prego, responsable de programas internacionais do IES; Andreas Geiseler, profesor de linguas extranxeiras; Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra; Andrés Cabana, director do IES e Marta Valcárcel, primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación.

O profesor alemán Andreas Geiseler do instituto Vocacional BBS ‘Otto von Guericke’ da cidade alemá de Magdeburg, en Alemaña, foi recibido esta mañá polo alcalde de Salvaterra Arturo Grandal e a primeira Tenente de Alcalde e Concelleira de Educación, Marta Valcárcel. Geiseler terá unha estancia profesional, dende onte ata o 1 de febreiro,  para impartir español e inglés no IES de Salvaterra así como coñecer o tecido industrial da contorna.

O profesor Geiseler mantivo un encontro de más de media hora con Arturo Grandal e Marta Valcárcel. Estaba acompañado polo director do IES, Andrés Cabana, e o responsable de proxectos internacionais, Demetrio Prego. O alcalde obsequiou cun libro sobre Salvaterra ao profesor estranxeiro.

Durante a súa estancia o profesor  visitante ten un programa de actividades coa finalidade de comparar e coñecer a organización do centro, a actividade docente e o tecido industrial da contorna. Visitará a Universidade de Vigo, asistirá a actividades extraescolares de diferentes departamentos didácticos e daráselle a coñecer a contorna socioeconómica e cultural que dispón Salvaterra de Miño.

Programa

Dende o curso 2014-2015, o IES Salvaterra de Miño pertence a unha rede de centros de acollida profesional de profesorado europeo.

Este programa foi convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte na Resolución de 27 de maio de 2014 pola que se convocan prazas para centros educativos de Educación Infantil e Primaria, Ensino Secundario, Formación Profesional ou de Ensinanzas de Réxime especial que desexan acoller, durante a súa estancia profesional, un docente de Alemaña, Austria, Francia, Italia, Reino Unido ou Suíza.

Dende o curso 2014-2015, o IES Salvaterra de Miño foi nomeado centro de acollida de referencia. O profesorado que recibe habitualmente é de Alemaña, de distintos centros de ensino secundario  Berlin e Magdeburg.

Esta acción está coordinada polo equipo de Programas internacionais do IES Salvaterra de Miño e ten como finalidade reforzar o conxunto de accións destinadas a favorecer intercambios culturais, coñecer outras metodoloxías, fomentar a aprendizaxe de linguas estranxeiras e a participación en programas educativos europeos.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada