Os premiados pola Real Academia Galega de Ciencias advirten de que sen investigación o futuro da sociedade está hipotecado

Premios de investigación Ernesto Viéitez 2015. Na fila dianteira, de esquerda a dereita, os premiados: Eduardo Pásaro, Vanessa Valdiglesias e Blanca Laffon, da Universidade da Coruña; e Miguel Alexandre Ramos, da Universidade de Vigo. Na fila traseira: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias; os reitores das tres universidades, Juan Viaño, Julio Abalde e Salustiano Mato; e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela.

Premios de investigación Ernesto Viéitez 2015. Na fila dianteira, de esquerda a dereita, os premiados: Eduardo Pásaro, Vanessa Valdiglesias e Blanca Laffon, da Universidade da Coruña; e Miguel Alexandre Ramos, da Universidade de Vigo. Na fila traseira: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias; os reitores das tres universidades, Juan Viaño, Julio Abalde e Salustiano Mato; e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou esta tarde os seus Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2015 a científicos da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Vigo (Uvigo) nun acto celebrado en Santiago de Compostela, coincidindo coa apertura do curso académico da institución.

Ao acto asistiu unha nutrida representación da comunidade científica galega, ademais dos reitores das tres universidades, Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.

O presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, anunciou a incorporación de catro novos académicos á institución ao longo deste ano: José Ramón Cancelo da Torre, economista da UDC; José Juán Pazos Arias, enxeñeiro de telecomunicacións da Uvigo; Juan José Nieto Roig, matemático da USC; e Juan Lema Rodicio, enxeñeiro químico tamén da USC. Ademais, dedicoulle unha agarimosa lembranza aos dous académicos falecidos a finais de 2015, Manuel Bao Iglesias e Aida Fernández Ríos.

Ríos avanzou tamén a próxima apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2016, xunto coa dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, convocados conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (Gain) e que entregaron os galardóns da súa primeira edición a semana pasada.

Durante a súa intervención en representación de todos os galardoados, a investigadora da UDC Blanca Laffon agradeceulle á RAGC o seu labor promovendo este certame porque “con el contribúe a impulsar o desenvolvemento da investigación e a manter a ilusión dos que nos dedicamos a esta noble profesión en momentos tan difíciles como os que estamos vivindo”.

Neste sentido, Laffon destacou a obriga dos investigadores de traballar polo progreso da sociedade, pero tamén a das autoridades de considerar os orzamentos para ciencia “non só como un investimento no noso futuro, senón sobre todo como un investimento no futuro do noso país e no avance da humanidade en xeral. Investigar precisa da certeza de medios á procura dun fin incerto pero, sen investigación, abórtase a potencialidade da sociedade e, en consecuencia, hipotécase o seu futuro”.

NANOCIENCIA

Os dous traballos galardoados hoxe demostran que Galicia se atopa na vangarda da nanociencia, un campo de enorme potencial con aplicacións en ámbitos tan diversos como a biomedicina, as enerxías renovables, a construción, a cosmética ou a diminución da contaminación ambiental.

RAGC2

Blanca Laffon diríxese ao público no nome de todos os premiados.

O Premio de Investigación 2015 foille concedido ao equipo formado por Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, membros do grupo de investigación en Diagnóstico Condutual e Molecular aplicado á Saúde (Dicomosa) da UDC. O seu traballo proba a seguridade das nanopartículas metálicas de óxido de ferro con potenciais usos en biomedicina, demostrando a práctica ausencia de toxicidade destas minúsculas partículas cando se introducen no corpo humano para a liberación controlada de medicamentos, para o diagnóstico certeiro e temperán de doenzas e para o tratamento de enfermidades graves, especialmente o cancro e trastornos neurolóxicos coma o Parkinson, o Alzheimer e a esclerose múltiple.

Segundo explicou a coordinadora do equipo, aínda que a aplicación da nanotecnoloxía xa é unha realidade, con máis de 1.500 produtos comercializados que conteñen nanomateriais, o desenvolvemento de novas aplicacións crece de forma exponencial. “Aínda así, a avaliación da posible toxicidade asociada á utilización deses novos produtos non avanza ao mesmo ritmo e constitúe unha prioridade, xa que o cambio nas propiedades físico-químicas destes materiais, xunto co seu pequenísimo tamaño que lles facilita o acceso a lugares remotos do organismo, fan necesario certificar a súa seguridade antes de que sexan utilizados por consumidores ou pacientes”, expuxo Laffon como xustificación da súa investigación.

Na categoría de Promoción de Novos Investigadores, convocado pola RAGC para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, o premio foi recollido polo químico da Uvigo Miguel Alexandre Ramos. En palabras de Laffon, o traballo versa “sobre a modificación das nanopartículas co obxectivo de crear ocos no seu interior e facilitar así a súa aplicación no transporte e liberación de fármacos”.

A lección inaugural do curso académico da RAGC estivo a cargo de Alicia Estévez-Toranzo, co título ‘O Microbioma humano: da oscuridade á omnipresencia’. Nela, a académica explicou as características dos microbios que habitan no corpo humano e a súa relación con diversas enfermidades.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada