A exposición ‘Con fío en Galicia’ valorizará as achegas dos grandes deseñadores

Eva Soto

Deseño de Eva Soto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converterá a moda e o sector téxtil galego nos protagonistas da próxima gran exposición do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, nunha mostra que se inaugurará o 11 de marzo e que busca consolidar a ‘marca Galicia’ coa posta en valor das achegas dos grandes deseñadores galegos e os logros empresariais acadados por un sector estratéxico, constituído por 500 empresas, que dá emprego a 13.000 persoas e que representan o 11% da riqueza da comunidade.

Co título de ‘Con fío en Galicia’, a exposición renderá unha homenaxe ao universo creativo dos deseñadores galegos que lograron situar as súas creacións na pasarela internacional, nomes como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Kina Fernández, Florentino ou Antonio Pernas, pero tamén porá o foco sobre un sector capaz de xerar grupos empresariais líderes, como Inditex, ou a Sociedade Textil Lonia, que xestiona desde Galicia marcas como Carolina Herrera. A confluencia de talento creativo e excelencia empresarial definirán os eixes dunha proxecto que dará conta deste fenómeno singular que representa a moda galega, e que ten situado a Galicia nun punto de referencia no mapa global do téxtil.

Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, prestará unha especial atención á eclosión que se vivíu nos anos 80 en Galicia, convertendo o Gaiás nunha pasarela de creadores na que amosar o peso do téxtil galego no mundo. ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas ou o grupo ‘Galicia Moda’ (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño…) marcarán as décadas douradas da moda galega; protagonismo que estará compartido co fenómeno Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo.

Xunto a eles, a exposición incorporará aos deseñadores e marcas que apareceron entre a década dos noventa e dous mil como Purificación García, Bimba&Lola, D-Due, Chicha Solla, Pili Carrera ou Toypes. Do mesmo xeito, servirá de plataforma para dar a coñecer a novos valores do deseño contemporáneo, como Sara Coleman, Eva Soto o José Castro, que teñen vestido coas súas creacións a iconas como Lady Gaga ou as protagonistas de series como ‘Sexo en Nova York’.

‘Con fío en Galicia’ abrirá un espazo para os creadores emerxentes, aqueles que representan a exploración dos novos camiños e linguaxes, coa colaboración de alumnos da escola Esdemga da Universidade de Vigo ou da Escola Mestre Mateo de Santiago e coa exhibición de proxectos innovadores vinculados a sustentabilidade, como o do colectivo Latitude, ou o a investigación histórica desde unha óptica contemporánea, como o traballo da galega Arantza Vilas de Pinaki Studio, especializada na reconstrución de vestiario medieval, e que ten traballado en series como ‘Juego de Tronos’.

A nova mostra ofrecerá como complemento unha introdución histórica, desde a Prehistoria ata o Romanticismo, e desde o inicio da produción do liño ata a creación dunha rede de tecedoras no rural galego ou as primeiras industrias téxtiles como a empresa de máquinas de coser Refrey ou a Camisería Regojo de Redondela, que chegou a contar con Dalí como modelo das súas campañas publicitarias. Especial relevancia terá tamén a reconstrución de vestimentas de personaxes destacados na Historia de Galicia por parte de creadores contemporáneos.

Entre as 300 pezas que se exhibirán nesa exposición poderán atoparse 150 ‘looks’ singulares e representativos da moda feita en Galicia, así como reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e un escolma de material fotográfico e audiovisual.

Patrocinio e colaboracións

Como todas as exposicións e actividades culturais da Cidade da Cultura, a nova mostra do Museo Centro Gaiás financiarase grazas ao patrocinio do Fondo Gaiás da Emprega Galega (constituído coas achegas das empresas que formaban parte da Fundación Gaiás).

Deseño de José Castro.

Deseño de José Castro.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada