María José Alonso, a segunda muller que ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María José Alonso. Logo da incorporación de Fernando Pérez e Alicia Estévez Toranzo, hoxe toma posesión a que será a segunda académica muller. Esta primeira rolda de novos membros logo de dez anos sen incorporacións pecharase con Ángel Carracedo antes de final de ano.

María José Alonso, acompañada pola Xunta de Goberno da RAGC: presidente (Miguel Ángel Ríos), vicepresidente (Franco Fernández), Manuel Bao e Antonio Rigueiro.

María José Alonso, acompañada pola Xunta de Goberno da RAGC: presidente (Miguel Ángel Ríos), vicepresidente (Franco Fernández), Manuel Bao e Antonio Rigueiro.

O discurso de ingreso da nova académica da RAGC titúlase “A Natureza como fonte de inspiración no deseño de nanomedicamentos”. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla e o diploma de académica de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Asistiron tamén ao acto as secretarias xerais de Igualdade e da Consellería de Sanidade da Xunta, Susana López Abella e Josefina Monteagudo; e os vicerreitores de Organización Académica e Estudantes da USC, Luís Lima e Mª Dolores Álvarez.

María José Alonso (Carrizo de la Ribera, León) é catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. Desde 1992 lidera un laboratorio de investigación pioneiro en España no ámbito da nanomedicina. Dirixiu e coordinou numerosos proxectos de investigación financiados por entidades de relevancia internacional como a OTAN, a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Comisión Europea e la Fundación Bill & Melinda Gates. O impacto do seu traballo en publicacións científicas permitiulle alcanzar o 9º posto no ranking mundial do Times Higher Education na área de Farmacoloxía e Toxicoloxía. Recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Jaime I de novas tecnoloxías e o Maurice Marie Janot da Sociedade Internacional de Tecnoloxía Farmacéutica.

O seu ingreso na RAGC, xunto co de Alicia Estévez Toranzo, supón un fito para a institución, que tiña pendente a apertura ás mulleres científicas case desde a súa fundación en 1977, xa que a única académica deixou de ser numeraria en 1990 ao establecer a súa residencia fóra Galicia (Mª del Pilar Fernández Otero, catedrática de Farmacia da USC).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada