A Xunta apoia o talento de 25 mozos que desenvolverán proxectos de base tecnolóxica en Santiago a través do programa Yuzz

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura oficial da VII edición desta iniciativa para impulsar as ideas innovadoras da mocidade galega.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura oficial da VII edición desta iniciativa para impulsar as ideas innovadoras da mocidade galega.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a apoiar unha edición máis o programa Yuzz para impulsar o talento da mocidade galega que conta con ideas innovadoras. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura oficial da VII edición desta iniciativa, coordinada polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co mecenado do Banco Santander, a través de Santander Universidades, e que conta, ademais da colaboración da Xunta, coa da Universidade de Santiago.

No Centro Yuzz de Santiago, emprazado no Edificio Emprendia, un total de 25 mozos e mozas, de entre 18 e 31 anos, recibirán nos próximos cinco meses formación e asesoramento para elaborar os seus plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica. Neste centro de alto rendemento terán un espazo físico para desenvolver a súa idea, ao tempo que poderán relacionarse con outros emprendedores, recibir formación impartida por expertos profesionais e ser asesorados por titores individuais.

A secretaria xeral de Emprego ratificou na súa intervención a aposta “clara e decidida” do Goberno galego polo emprendemento xuvenil e innovador e, neste senso, destacou que a Consellería de Economía está a desenvolver diversas medidas para crear novas oportunidades de emprego entre os máis novos. Ao respecto, indicou que, enmarcado no Programa de Garantía Xuvenil, activáronse a principios de ano axudas por valor de 12,7 millóns de euros, entre as que resaltou a convocatoria de apoio aos autónomos menores de 30 anos, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

En global, a Xunta destina este ano 40 millóns de euros para apoiar o emprendemento. Toca tamén puxo en valor o programa de emprego autónomo. Para este colectivo, o Goberno galego publicou xa no mes de xaneiro axudas por valor de 20,5 millóns de euros. “O noso obxectivo é seguir a reducir a taxa de desemprego xuvenil a través do apoio ao emprendemento e mediante proxectos innovadores”, subliñou, ao tempo que sinalou que a Consellería seguirá a apoiar aquelas actividades de formación de carácter especializado que posibiliten a creación e a consolidación de proxectos emprendedores.

Ferramentas para o emprendemento

Polo tanto, a Xunta ten no emprendemento un dos piares básicos de actuación para consolidar a recuperación económica e xerar emprego. Outro dos instrumentos cos que conta a Xunta de acompañamento ao emprendemento innovador en todas as súas fases é VíaGalicia, que se configura como un programa competitivo de alto rendemento de 18 meses de duración, que combina a formación, a titorización e o mentoring co desenvolvemento das ideas nun espazo de coworking, e a achega de capital inicial para arrancar os proxectos máis prometedores.

Xunto a VíaGalicia, o Goberno galego está a promover outro tipo de aceleradoras empresariais como Galicia Open Future ou Agrobiotech, que contribúen a crear un ecosistema emprendedor galego, constituído polos proxectos que demostran ter o maior potencial para contribuír nun futuro á competitividade e ao crecemento da economía galega. Ademais, a través da Unidade Galicia Emprende achégase asesoramento para a posta en marcha de novos proxectos.

Por último, Toca resaltou que na aposta da Xunta por impulsar o emprendemento e a competitividade empresarial, a Xunta simplificou a tramitación para abrir un novo negocio, suprimindo a necesidade de licenza municipal a través da aprobación da Lei de Emprendemento. Así mesmo, lembrou que a Consellería vén de poñer en marcha a oficina Doing Business como canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.

Viaxe a Silicon Valley
O mellor emprendedor do Centro Yuzz Santiago ganará unha viaxe a Silicon Valley, onde se lle brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con investidores. Ao seu retorno, poderá competir cos mellores proxectos nacionais para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Haberá premios de 30.000, 20.000 e 10.000 euros. Nas edición anteriores creáronse máis de 500 empresas e no último ano participaron 900 emprendedores con 710 proxectos en 41 centros Yuzz de toda España. O centro de Santiago acadou o primeiro premio nacional dotado con 30.000 euros na edición VI co proxecto Situm e o segundo premio nacional dotado con 20.000 euros co proxecto Loar.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada