O CHUS liderará un proxecto europeo de investigación sobre diagnose e tratamento da enfermidade de Alzhéimer

Alzheimer

Trátase do primeiro proxecto H2020 coordinado por un investigador do Servizo Galego de Saúde. Desenvolverá nanoestruturas que permitan o diagnóstico precoz da enfermidade de Alzhéimer 5 anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica. Dotado cun orzamento de 7,8 millóns de xestionados desde Santiago, desenvolverase ao longo duns 5 anos.

Desde os laboratorios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago coordinarase durante cinco anos e cun orzamento de preto de 8 millóns de euros, a principal investigación europea sobre a enfermidade de Alzhéimer, que busca desenvolver nanoestruturas que permitan o diagnóstico precoz desta demencia 5 anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica.

O proxecto europeo PANA (Promoting active Ageing: Nanodevices for Alzhéimer’s Disease at ultra-early stages // Promoción do envellecemento activo: nanoestruturas para fases moi precoces da enfermidade de alzhéimer) xurde co obxectivo de contribuír a mitigar e atrasar os devastadores efectos desta patoloxía. Trátase do primeiro proxecto H2020 coordinado por un investigador do Servizo Galego de Saúde, Tomás Sobrino – Investigador Miguel Servet do SERGAS e director técnico do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) / liderado conxuntamente con José Castillo – xefe do Servizo de Neuroloxía da xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e director Científico do IDIS.

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acompañou aos coordinadores do proxecto e ao responsable da xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, na presentación aos medios de comunicación do proxecto de investigación PANA. O responsable de Sanidade lembrou que o seu departamento traballa dende hai anos no eido da innovación e do envellecemento activo; desenvolvendo proxectos no ámbito da atención non presencial, a integración de coidados ou a promoción da saúde na poboación anciá e con patoloxía crónica.

Jesús Vázquez subliñou tamén que “estamos a participar en iniciativas de internacionalización no ámbito institucional, tales como o EIP (European Innovation Partenership) e, dentro deste, no EIP en envellecemento activo e saudable”. Neste senso, reiterou que “este proxecto non é algo menor, pois a posibilidade dun diagnóstico precoz e dun tratamento efectivo que aínda non existe para o Alzhéimer é algo que resulta especialmente suxestivo”. Isto permitiría “instaurar tratamentos e medidas preventivas da súa evolución tamén precoces, mellorando en consecuencia o prognóstico, a evolución do cadro e a calidade de vida do paciente”, afirmou o conselleiro de Sanidade.

Ata o de agora, non existen tratamentos efectivos para a enfermidade de Alzhéimer, posiblemente porque a patoloxía é diagnosticada en etapas tardías. Por iso, o proxecto PANA ten como obxectivo desenvolver un sistema de detección precoz baseado na nanotecnoloxía, mediante o deseño de nanoestruturas multimodais que se unen a un biomarcador específico da enfermidade, e que poderán ser detectados por técnicas de neuroimaxen como a Resonancia Magnética e a Tomografía de Emisión de Positrones (PET). “Este feito significará unha revolución no diagnóstico precoz da enfermidade de alzhéimer e o seu posterior tratamento en fases precoces da enfermidade”, subliñou Tomás Sobrino.

O proxecto desenvolverase ao longo duns 5 anos e está dotado cun orzamento de 7,8 millóns de euros xestionados integramente desde Santiago. Participan máis de 100 investigadores europeos, liderados polo Grupo de Neurociencias Clínicas do IDIS e contempla a contratación de 5 investigadores máis no CHUS.

PANA promove o envellecemento activo e pretende mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen, favorecendo as súas oportunidades de desenvolvemento para unha vida saudable, participativa e segura. O envellecemento activo implica entender esta etapa da vida como un ciclo máis de crecemento persoal, engadindo “vida aos anos e non soamente anos á vida”.

As nanoestructuras teranósticas (permiten á vez o diagnóstico e o tratamento da enfermidade) que desenvolverá este proxecto recoñecen dianas terapéuticas moi precoces implicadas no comezo e avance da enfermidade de Alzhéimer desde un punto de vista traslacional e multidisciplinar.

O impacto clínico, social e económico deste proxecto será de gran importancia, o SERGAS liderará e coordinará un consorcio europeo único no que converxen clínicos, neurocientíficos, nanotecnólogos, expertos en imaxe molecular, etc., pertencentes a centros hospitalarios, universidades e pequenas e grandes empresas, líderes no campo da diagnose e tratamento da enfermidade de Alzhéimer e do ámbito da nanotecnoloxía.

Incremento dun 71% as mortes por Alzhéimer
A enfermidade de Alzhéimer constitúe a primeira causa de demencia no adulto. Máis de 7,5 millóns de cidadáns europeos, de idade comprendida entre os 30 e 99 anos, sofren algún tipo de demencia. O cambio demográfico europeo, co envellecemento progresivo da súa poboación (especialmente en Galicia), acompañado dunha mellor atención sanitaria condiciona un incremento da súa incidencia e prevaleza para os próximos anos.
Entre 2000 e 2013 as mortes por enfermidade de Alzhéimer aumentaron nun 71%. En 2014, o gasto global derivado desta enfermidade superou os 217 billóns de dólares en Estados Unidos (EEUU), datos extrapolables a Europa, España e Galicia.

E-consulta demencias en Santiago
Cada ano vense uns 2.600 pacientes con demencia nas consultas de neuroloxía cognitiva da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, dos que a maioría son mulleres e cuxa patoloxía máis frecuente é o Alzhéimer.

Na área sanitaria de Santiago calcúlanse que pode haber uns 6.000 pacientes afectados con algún grao de demencia (un 7% dos maiores de 65 anos). A incidencia aumenta en relación co envellecemento poboacional. Os doentes da área sanitaria compostelá contan cunha e-consulta para facilitar o acceso á consulta hospitalaria e propiciar a valoración, diagnóstico e tratamento precoces.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada