O programa Líderes de Futuro potenciará o liderado profesional, social e cultural de 45 mozos e mozas galegos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe no acto de inauguración do programa formativo Líderes de Futuro na Escola Galega de Administración Pública. O obxectivo do programa é potenciar o liderado da xuventude galega nos ámbitos profesional, social e cultural, así como mellorar as súas habilidades no desempeño de liderar un proxecto que facilite a súa empregabilidade a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas.

Na acción participan un total de 45 mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, que teñen os seguintes perfís: que emprenderan algunha actividade profesional por conta propia no ano 2015, os mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e os líderes de asociacións xuvenís ou membros de grupos informais que participaran en proxectos de educación non formal.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou que “a participación xuvenil en programas de educación non formal como este, leva aparellado o desenvolvemento de valores positivos, como son o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza”, e engadiu que “as políticas máis modernas e innovadoras en materia de Xuventude en toda Europa teñen a educación non formal como medio para mellorar as competencias dos mozos e mozas, xa que entre dous currículos académicos iguais, a participación nestes programas pode marcar a diferenza á hora de acceder a un emprego”.

O programa Líderes de Futuro está estruturado en dúas fases que buscan o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores.

A primeira fase, abrangue tres etapas ata o 30 de marzo. A primeira delas, corresponde ao seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito”, dividido en dúas sesións de catro horas. A segunda contempla tres obradoiros: “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesma/o”.

Durante o desenvolvemento destas etapas, farase unha avaliación sistemática e continua de cada participante e en función dos resultados, 25 deles pasarán á segunda fase do programa, baseada na mentorización e coaching personalizado. Mediante esta actividade desenvolverán as habilidades adquiridas ao longo das sesións realizadas.

Os mentores acompañarán a cada alumno na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos e completar o camiño de mellora e crecemento profesional. Este proceso facilitará a aprendizaxe dos participantes e promoverá cambios cognitivos, emocionais e de conduta que expandirán a capacidade de acción en función do logro das metas propostas. Estas sesións de coaching personalizado terán lugar dende o 8 de abril e o 6 de maio.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada