A flamante premio nacional Ledicia Costas únese á primeira voz australiana en sete anos de poetas di(n)versos

Ledicia Costas.Continúa sen descanso a cita mensual coa boa poesía programada pola Concellería de Culturas da Coruña. O único ciclo estable de España que acolle de xeito regular poetas internacionais volve este próximo luns para encher de versos en inglés e galego. Será, coma sempre, no Auditorio do Ágora da Coruña, ás 20..30h dunha data que só se dá cada catro anos. Nun acto aberto e gratuíto, de aproximadamente unha hora de duración, amantes da poesía e público leigo sorprenderanse coa forza e a emoción da palabra. Os poemas soarán na voz de quen os escribiu e na súa lingua orixinal, se ben irán seguidos de traducións ao galego para os casos estranxeiros. Interpretará estas versións a propia tradutora e tamén directora e condutora do ciclo, a tamén poeta e dinamizadora literaria Yolanda Castaño, coruñesa nacida en Compostela.

As convidadas a esta segunda sesión do trimestre invernal, ou quinto recital da sétima edición de POETAS DI(N)VERSOS serán dúas autoras na súa trintena: Ledicia Costas e Sarah Holland-Batt. A primeira constitúe a última gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que outorga o Ministerio de Cultura de España, a segunda representa a primeira voz australiana que participa no ciclo, logo de sete edicións que fixeran desfilar polo seu escenario a máis dun cento de poetas dende 2009.

Sara Holland Batt.

Sara Holland Batt.

O recital poético editará o habitual folleto coleccionable, e poñerá á venda os títulos das convidadas, de maneira que os e as asistentes poidan solicitarlles unha sinatura nos seus exemplares. A cita mensual coa poesía continuará con novos encontros capaces de reunir o mellor da poesía galega e mundial, xa dende linguas minoritarias ou masivas. O luns 14 de marzo, o evento máis moderno e multidisciplinar virá protagonizado por Rosalía Fdez. Rial e Ricardo Domeneck, chegados dende Carballo e Sao Paulo respectivamente.

Nacida en Vigo, a tamén poeta Ledicia Costas debutou en 1999 cunha novela escrita na adolescencia, Unha estrela no vento; así comezou unha carreira meteórica atestada de premios coma os das Asociacións de Editores e mais a de Escritores/as en Lingua Galega, o Premio Merlín, a lista de honra do IBBY, o Fervenzas Literarias, o Premio Nacional ou o Premio Lazarillo, por títulos como O corazón de Xúpiter (2012), Recinto Gris (2014), Escarlatina, a cociñeira defunta (2014), Inmundicia e Roñoso (2015) e Un animal chamado néboa (2015). Pola súa banda, Holland-Batt naceu na cidade australiana de Southport e reside hoxe en Brisbane, ambas no estado de Queensland. Poeta, crítica e editora literaria, posúe un Máster en Inglés e outro en Poesía pola Universidade de Nova York, e ten impulsado a súa produción poética grazas a residencias como as das colonias Yaddo e MacDowell, as de Asialink, Hawthornden e a do Consello de Australia en Roma, ademais da bolsa de viaxe Marten Beques. Con dous premiados libros ás súas costas, traballa como profesora e coordinadora do Máster en Escrita Creativa da Universidade Tecnolóxica de Queensland.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada