Os equipos de radioloxía da Doblada trasládanse ao hospital do Meixoeiro e ao centro de saúde de Ponteareas

Hospital do Meixoeiro.

Hospital do Meixoeiro.

A Unidade de Radioloxía do centro de especialidades da Doblada deixará de prestar asistencia neste centro a partires do próximo venres día 4 de marzo. Así, os tres equipos dispoñibles serán trasladados a outros centros sanitarios; dous deles ao Meixoeiro e outro ao centro de saúde de Ponteareas.

No día de mañá, vaise iniciar a desmontaxe dunha das Salas de RX. Os pacientes que estaban programados xa foron citados noutras salas de Radioloxía do Chuvi.

A actividade radiolóxica que viña realizándose na Doblada, tanto con axendas programadas como a actividade urxente demandada polos centros de saúde, será efectuada pola Unidade de Radioloxía do Hospital Xeral.

Esta Unidade traballará en horario de mañá e tarde. Así, na xornada matutina, ademais de contar cunha axenda propia na que se citarán medio centenar de pacientes diarios, asumirá os estudos radiolóxicos urxentes solicitados polos profesionais de Atención Primaria. Polas tardes, dará servizo ao Punto de Atención Continuada (PAC), que mañá mesmo tamén inicia a súa actividade nestas instalacións.

Unificación das Urxencias Extrahospitalarias

Neste senso, convén lembrar que a partires do próximo día 1 de marzo as Urxencias Extrahospitalarias de Vigo -que ata agora se prestaban en dous dispositivos, no PAC do centro de saúde de Bolivia e no de Coia- vanse unificar no edificio anexo ao Hospital Xeral (Anexo II), na rúa Pizarro 22. En primeiro lugar, o día 29 de febreiro trasládase o PAC de Bolivia, e ao día seguinte, o 1 de marzo, o de Coia.

O Punto de Atención Continuada ( PAC) é o dispositivo físico e funcional no que se presta a atención urxente, tanto médica como de enfermaría, no ámbito da atención primaria. O seu horario de funcionamento é de 15.00 horas ás 8.00 do día seguinte os días laborais; mentres que sábados, domingos e festivos, presta asistencia durante as 24 horas do día.

O novo PAC de Vigo situase nas dependencias anteriormente ocupadas polas Urxencias Hospitalarias de Pediatría. O Sergas tivo que realizar unha obra co obxecto de adaptar a estrutura ás novas funcionalidades.

No seu deseño físico e funcional participaron os profesionais. Así, a EOXI de Vigo constituíu un grupo de traballo, no que estaban representadas todas as categorías profesionais, que participou activamente no deseño, tanto da estrutura e disposición dos espazos como dos circuítos asistenciais.

As novas instalacións dispoñen dun Box de Reanimación para pacientes inestables con dotación específica, e unha Sala de Tratamentos respiratorios con cinco postos. Ademais, contan con 1 consulta de Triaxe, 6 consultas médicas, 2 consultas de enfermería, 5 Boxes, un Gabinete, 1 Box de illamento, 2 salas de Observación con 8 postos, 1 sala de traballo médico e 1 control e traballo de enfermaría. Dispón tamén de áreas administrativas e de descanso, e salas de espera e aseos diferenciados. A dotación complétase con almacéns de material sanitario, lenzaría e farmacia.

Novas prestacións radiolóxicas

Trátase dun dispositivo con gran capacidade de resolución xa que dispón dos medios e recursos axeitados -estruturais, humanos e de equipamento- para realizar todos aqueles procedementos diagnósticos e terapéuticos no ámbito da atención primaria que permitan incrementar a súa capacidade resolutiva para que, sempre e cando sexa posible, o paciente saia do centro co seu problema resolto, e que só se deriven ao hospital os casos que realmente necesiten atención hospitalaria.

Neste senso, ademais dos procedementos diagnósticos propios das Urxencias de atención primaria como electrocardiografía, esfignomanometría, otoscopia e oftalmoscopia, a súa carteira de servizos increméntase coa incorporación de novas prestacións radiolóxicas e a realización dalgúns procedementos analíticos. Así, vaise realizar no PAC todas as probas de radioloxía simple, placas de abdome, tórax e exploracións osteoarticulares. Na área analítica, efectuaranse os estudos simples de ouriños, test de infeccións de gorxa, etcétera.

Garantir a presenza continua de facultativos

Outra das vantaxes é o aumento da accesibilidade. A centralización da atención das urxencias nun dispositivo único, ademais de unificar e clarificar a información á poboación, permite ofertar unha prestación asistencial continuada. A dispoñibilidade centralizada de recursos garante a presenza continuada de médicos xerais e enfermeiros no dispositivo, de xeito que, se algún profesional sanitario ten que acudir a prestar atención domiciliaria, sempre quedará persoal suficiente no centro, xa que cada quenda de traballo contará, como mínimo, con 4 médicos e 4 enfermeiras.

Isto ven posibilitado polo dimensionamento do seu equipo, do que forman parte os seguintes profesionais: 27 facultativos, 23 profesionais de enfermería e 20 efectivos de persoal non sanitario (persoal de servizos xerais, celadores, condutores…).

Máis de 59.600 pacientes atendidos

No referido a súa actividade asistencial, os dous dispositivos de Urxencias Extrahospitalarias de Vigo atenderon o pasado ano a 59.635 pacientes; 33.333 no PAC de Bolivia e 26.302 en Coia. Destes, tan só un 8,22% foron derivados ao hospital; isto é, que os profesionais do PAC resolveron máis do 90% das urxencias. A media diaria de atención é de 163,3.

Por grupos de idades, o 72% destas atencións corresponden a pacientes con idades comprendidas entre 15 e 64 anos; o 24,5% aos maiores de 64 anos; e o 3,3% restante os menores de 14 anos.

Os días con maior actividade son os domingos, cunha media de 379,3 atencións, e os festivos, con 426 atencións.

No último estudo realizado pola EOXI de Vigo, no que se compara o comportamento das Urxencias hospitalarias coas do PAC vigués nos últimos meses, ponse de manifesto como, mentres que os días laborais, os vigueses que necesitan atención urxente achéganse máis ao hospital, os domingos e festivos se inverte esta tendencia e os cidadáns de Vigo acoden en maior medida ao PAC , nunha proporción de 62,3% fronte ao 37,7% (os festivos); e de 58,1% fronte a 41,9% os domingos.

Servizos asistenciais do Anexo II e de A Doblada

En definitiva, coa incorporación das Urxencias Extrahospitalarias ao Anexo II, este centro sanitario disporá dos seguintes servizos: a actual Unidade de Atención primaria de Bolivia; Unidade de Reprodución asistida; Consulta de Esterilidade; Centro de Orientación Familiar (COF);Unidade de fisioterapia (ambulatoria), e Unidades de Saúde Mental de Coia, A Doblada e Lavadores (estas dúas últimas aínda sen trasladar).

No referido ao centro de especialidades da Doblada, tra o traslado da Unidade de Radioloxía, aínda conta coas Unidades de saúde Mental e con consultas especializadas de Pediatría.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada