O Arquivo de Galicia inaugura a serie ‘Mulleres sobranceiras’ cunha mostra documental dedicada a Olga Gallego Domínguez

El secretario xeral de Cultura y la secretaria xeral de Igualdade inauguraron a serie expositiva 'Mulleres sobranceiras'.

El secretario xeral de Cultura y la secretaria xeral de Igualdade inauguraron a serie expositiva ‘Mulleres sobranceiras’.

A figura de Olga Gallego Domínguez é a protagonista da primeira exposición da serie ‘Mulleres sobranceiras’, unha iniciativa que pon en marcha este ano o Arquivo de Galicia en homenaxe ao labor de destacadas mulleres galegas. Na véspera do Día Internacional da Muller, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron esta mostra documental, coa que a Consellería de Cultura e Educación pretende difundir e poñer en valor a traxectoria desta recoñecida arquiveira e historiadora.

Durante a presentación, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, incidiu en que mulleres como Olga Gallego “son as que fixeron e fan posible a Galicia de hoxe, xa que a nosa historia é unha historia de mulleres; mulleres que apostaron por ver crecer a Galicia; mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e nos ensinaron a todos e a todas o valor da nosa terra”.

Ao mesmo tempo, a secretaria xeral indicou que é de gran valor dotar as xeracións actuais de referentes femininos que ofrezan usos e valores onde teña cabida a igualdade entre mulleres e homes e que sexan de utilidade na construción de proxectos vitais libres de condicionantes de xénero.

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que “as relevantes achegas de Olga Gallego Domínguez á arquivística, a súa preocupación e labor constante pola conservación do patrimonio galego e o seu compromiso cos arquiveiros e arquiveiras ao longo de toda a súa traxectoria profesional fana merecedora da primeira mostra desta serie de homenaxes ás mulleres galegas”.

“Un pequeno xesto de gratitude”

Segundo explicou, “dedicarlle esta exposición a Olga Gallego supón un pequeno xesto de gratitude ao seu inxente e valioso traballo en prol do patrimonio, da historia e da cultura de Galicia; pero supón tamén –engadiu o secretario xeral– un pequeno xesto de gratitude a todas as mulleres, e tamén aos homes, que loitaron e que loitan pola consecución dunha sociedade máis solidaria, máis equilibrada e sen discriminacións”.

A irmá de Olga Gallego, Pilar Gallego; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz G. Loroño; a vicerreitoira do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita; e o presidente da Fundación Olga Gallego, Pedro López, que impartiu unha conferencia sobre a arquiveira logo da presentación da exposición, tamén participaron no acto.

Preto de 50 documentos para abordar as súas diversas facetas

Procedentes, fundamentalmente, do seu arquivo persoal –doado ao Arquivo de Galicia en 2011 pola súa irmá– os documentos que conforman esta mostra abordan as múltiples facetas da traxectoria de Olga Gallego. Na exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 4 de maio no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, amósanse un conxunto de 48 documentos distribuídos en seis vitrinas, entre os que destacan aqueles que ilustran a súa forma de traballar, a relevancia das súas contribucións no campo da arquivística e a historia e os recoñecementos acadados por parte de institucións e profesionais: fichas de traballo, publicacións, fotografías e correspondencia.

Ademais de reunir documentos persoais como o seu expediente acádémico, as tarxetas de identidade do Colexio de Licenciados, da asociación profesional de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos ou do Real Club Celta de Vigo, a mostra ofrece un pequeno dossier conformado por copias de recortes de prensa seleccionados dos moitos que se atopan no seu arquivo persoal e unha montaxe cunha selección de fotos coas que a Fundación Otero Pedrayo agasallou a Olga Gallego o día da entrega do Premio Traslaba.

Referente fundamental da arquivística

Referente fundamental da arquivística española e iberoamericana, xunto con Vicenta Cortés, Antonia Heredia e Pedro López, Olga Gallego (Ourense, 1923-2010) foi membro correspondente da Real Academia da Historia e académica numeraria da Real Academia Galega. Mestra de varias xeracións de arquiveiros, historiadora preocupada polo patrimonio e a cultura, destacou tamén pola súa colaboradora activa con institucións como a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo, o Grupo Marcelo Macías ou Anabad Galicia.

A súa preocupación constante pola historia económica, social e administrativa de Galicia, en xeral, e da súa cidade, Ourense, en particular; as súas máis de 100 publicacións de carácter histórico ou arquivístico e o seu espírito xeneroso fixeron a Olga Gallego merecedora, entre outras, de distincións como o Lazo da Orde de Alfonso X o Sabio (1969), a Medalla de Anabad (1999), a Medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia (2000), a Medalla Castelao (2006) e o Premio Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo (2008).

Promovida pola Secretaría Xeral de Cultura a través do Arquivo de Galicia, a exposición contou coa colaboración da Fundación Otero Pedrayo, da Real Academia Galega, do Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e do Grupo Marcelo Macías.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada