A RFG estrea este xoves unha obra do compositor galego Joam Trillo

A soprano galega Teresa Novoa.

A soprano galega Teresa Novoa.

Con motivo do primeiro centenario da Sociedade Filarmónica de Vigo, vaise celebrar un concerto no Teatro Afundación da cidade, este xoves, 10 de marzo, ás 20.30 horas. Estará protagonizado pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre británico Paul Daniel.

A actuación comezará coa estrea dunha obra do músico galego Joam Trillo (1942), composta para esta celebración. Baixo o título Grandes são os desertos, baséase no poema homónimo do poeta portugués Fernando Pessoa.

Segundo o autor, a obra “intenta describir musicalmente o que Pessoa describe tan maravillosamente no seu poema, que comeza con ese primeiro verso Grandes são os desertos. É un poema que ve a vida como un inmenso deserto, ante o cal el se sente sen forzas para arrumar a mala, mala que é a mala de ser. Hai unha certa ironía que se aprecia moi ben no remate da poesía cando, depois de estar a falar todo o tempo, conclúe: Mas tenho que arrumar a mala. Fim. E este é o contido que a miña música pretende reflectir, especialmente o que di respecto a ese deserto que é a vida”.

A obra estará interpretada pola voz da soprano galega Teresa Novoa. Comezou a estudar piano e canto aos oito anos. En Madrid remata os seus estudos superiores de canto coas máis altas distincións, baixo a cátedra do tenor Pedro Lavirgen. Completa a súa formación con mestres tan recoñecidos como Montserrat Caballé. Actuou nos máis prestixiosos escenarios de toda España e tamén en Europa e América. Foi profesora na Escola Superior de Canto de Madrid e na actualidade exerce no Conservatorio Superior de Música de Vigo, compaxinando o seu labor docente coa actividade artística.

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 3 “Escocesa” do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Esta obra, realizada con motivo da súa primeira viaxe a Gran Bretaña, é unha homenaxe á Raíña Victoria.

O compositor galego Joam Trillo.

O compositor galego Joam Trillo.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada