As Neves, viños ao sol

O alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez. e os representantes das tres adegas.

O alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez. e os representantes das tres adegas.

‘Maridaxe no Sol do Condado’, un evento para presentar as adegas deste municipio, ofreceu unha cata e degustación de produtos das Neves. Xosé Manuel Rodríguez Méndez introduciu o acto que cualificou de “necesario” para “potencializar el territorio”, neste caso, o sector primario. O Concello das Neves, en palabras de Rodríguez Méndez,  emprega as liñas políticas como “instrumento de transformación”.

Tres adegas estiveron presentes e xusto son as tres que están radicadas no municipio. Antonio Méndez, presidente do Consello de Administración da adega Señorío de Rubiós, anunciou que este ano van incorporar aos seus brancos plurivarietais a uva caíño branco.

Méndez subliñou como Señorío de Rubiós quere ser recordada polos seus tintos. Dixo que existen 29 marcas de tinto na DO Rías Baixas e que proximamente van incorporarse 8 adegas a facer tintos. Incluso manifestou que algunhas do Salnés están a levantar cepas de albariño para plantar no seu lugar varietais de tinto. Méndez felicitouse por esta dedicación ao tinto e desexou que fosen máis.

Ademais deixou claro que en canto brancos, Señorío de Rubiós aposta polos condados brancos.

VIÑA NORA

Outra adega é Viña Nora.  O seu enólogo, Fernando Arija, acaba de recoller o relevo de Susana. A adega Viña Nora é unha empresa Avanteselecta que forma parte dun gran grupo empresarial. Conta con 9 adegas en Rioja, Rueda, La Mancha, Ribera del Duero, Tierra de Castilla, Jerez e Galicia. Gustan de traballar con cepas vellas para facer “cousas distintas”. No Condado contan con 13 hectáreas e mercan uva a 30 viticultores.

Viña Nora conta con tres elaboracións, Val de Nora, Nora e Nora da Neve. Val de Nora é un viño xove producido nos viñedos máis novos. É aromático, con certa acidez e con boca pero alegre. O Nora é un crianza sobre lías, coa uva macerada e en depósito durante 3 e 6 meses.

Nora da Neve é o viño de alta gama feito ao estilo borgoñón, con primeira fermentación en barrica.

ADEGAS LUZ

Adegas Luz, unha adega familiar que empezou en 2006, presentou as dúas  elaboracións de Abadía de Tortoreos realizada coa uva propia que colleitan nas súas fincas. Procuran traballar con lévedos autóctonos e evitan os tratamentos sistémicos nas cepas. Isto, como dixo Eduardo Pino, comercial da distribuidora Tomás Fernández, consegue “viños singulares”. O enólogo da adega é José Luís Juste que gusta de recoller a uva ben madura. Isto dá lugar a viños apetitosos que evolucionan ben no tempo. Evítanse os filtrados agresivos e polo tanto non se embotella ata maio-xuño. Do Abadía de Tortoreos en barrica fíxose a primeira anada en 2013. Fermentado primeiro en depósito, logo pasa a barrica durante 6/8 meses.

O novo proxecto de Adegas Luz é sacar un viño do condado neste ano 2016 como manifestación de autenticidade.

Enrique Fernández Barbeito e o seu fillo Félix son propietarios desta adega nevense.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada