A tempada de pesca en augas continentais en Galicia iniciarase o próximo 20 de marzo e rematará o 31 de xullo

Pescadores en el Miño a la altura de Salvaterra de Miño e Monçao.

Pescadores en el Miño a la altura de Salvaterra de Miño e Monçao.

A tempada de pesca en augas continentais para o ano 2016 na Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 20 de marzo e rematará o 31 de xullo con carácter xeral, tal e como establece a orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 17 de febreiro.

O período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada dará comezo o 24 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas autoridades do Principado de Asturias.

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. As cotas anuais nos ríos Lérez e Ulla, serán de 15 exemplares no primeiro e 60 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán, no río Eo. No resto dos coutos autorizados no Eo non se establece cota anual de captura.

En relación cos engados autorizados poden ser naturais como as miñocas e quisquillas, ou artificiais como a mosca artificial, a culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca sen morte do salmón autorízase unicamente o emprego dun só anzol sen arponciño.

A pesca do reo

A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:

– Coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xubia: a tempada rematará o 30 de setembro.
– Coutos de Betanzos e Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.
– Nos coutos de Monteporreiro, Ponte Arnelas, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte.

Sobre os engados, permítense todos os naturais agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural e artificiais como a mosca, a culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Nas augas salmoneiras non se permiten outros engados que os autorizados para a pesca do salmón

Captura da troita

Para esta especie a tempada comezará o 20 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos intensivos, coutos e tramos de pesca sen morte e coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro, nestes últimos tan só na modalidade de pesca sen morte. Nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada. As zonas nas que se exceptúan estas tallas e cotas detállanse no anexo correspondiente.

A orde do DOG aclara tamén as condicións da captura das seguintes especies: zamborca, cangrexo vermello americano, cangrexo sinal, ciprínidos e perca negra, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior tempada, co excepción de que no caso dos ciprínidos se limita a un máximo de dous anzois por cana con carácter xeral para os encoros nos que se autoriza a pesca todo o ano. Mantense a veda da pesca da anguía e do meixón.

Xornadas hábiles

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 24 de marzo (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de MeteoGalicia.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada